Sabela rende homenaxe a Maruja Mallo co seu novo sinxelo “A quen ignora”

A cantante e compositora Sabela Ramil, de Ourol, acaba de lanzar o seu novo sinxelo, A quen ignora, o último adianto do que será o seu próximo traballo discográfico. Nesta ocasión, a artista inspírase na figura da pintora Maruja Mallo, tamén natural de Viveiro, unha das grandes referentes do surrealismo español, coñecida pola súa mirada inconformista e vangardista.
O tema busca trasladar esa mesma esencia creativa a través dun son máis atrevido e experimental, mantendo o selo persoal de Sabela dentro do pop electrónico. A propia autora mergullouse na vida e na obra de Mallo durante o proceso compositivo, creando unha peza que rompe coa estrutura tradicional do pop e introduce texturas sonoras máis duras e contrastadas, evocando a liberdade artística da pintora.
Durante a canción, pódese escoitar a voz orixinal de Maruja Mallo, quen pronuncia a frase: “40.000 pintores en París, 40.000 que ya no existen”. Esa reflexión serve como fío condutor do tema, convidando a pensar sobre a efemeridade da creación artística e o exceso de produción cultural contemporánea. “É unha maneira de reivindicar o valor do que facemos e non perder a perspectiva”, sinala Sabela.
A cantante admite que crear esta canción foi un reto pola alta esixencia emocional e artística que implicaba traballar sobre unha figura de tanto peso: “Ao principio impuña moito respecto, pero fun relaxándome a medida que xogaba co tema, como facía ela coa súa pintura. É, ao final, a mellor homenaxe posible á súa visión da arte”.
A portada do sinxelo tamén é unha declaración de intencións: amosa un fungo Penicillium visto ao microscopio, unha imaxe que simboliza a capacidade de Maruja Mallo para atopar beleza e significado en elementos cotiáns. O que a simple vista podería parecer un mofo nun limón convértese, baixo outra perspectiva, nunha obra chea de cor e vida.
O lanzamento de A quen ignora coincide coa inauguración da exposición “Maruja Mallo. Máscara y compás”, a maior retrospectiva dedicada á artista ata a data, que poderá visitarse no Museo Reina Sofía de Madrid ata marzo de 2026. A mostra reúne 90 obras entre pinturas, debuxos, vídeos e textos, ofrecendo unha visión global da súa traxectoria e do seu espírito innovador.
Con este novo lanzamento, Sabela continúa un momento especialmente doce na súa carreira. Tras o éxito dos anteriores adiantos —Hi, My Love, Eu espero aquí, Camponarai e Cerca de ti— e dúas xiras por salas de Galicia e o resto de España, a artista recolle agora os froitos do seu traballo, recoñecidos co Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie.
Sabela afronta así o tramo final do ano coa vista posta na publicación do seu esperado EP, que verá a luz nas vindeiras semanas. O proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), que colabora neste novo paso da carreira da artista viveirense.