Sabela presenta o seu novo sinxelo, 'Camponarai'

TerraChaXa | AMariñaXa
Este tema é o terceira adianto do seu novo EP, previsto para este ano
camponarai-sabela
29 Jun 2025

Sabela volta con forza publicando o seu novo sinxelo, Camponarai, terceiro adianto do que será o seu próximo traballo discográfico. Nel, a artista galega xoga cunha lenda popular contada na zona da Mariña lucense, convertendo Camponarai nese lugar onde conectas por primeira vez cunha persoa especial. Novamente, Sabela opta por achegarse á posta en valor desas pequenas cousas que rodean a vida rural, nunha reivindicación en contra da desconexión co campo que se vive nos últimos tempos. Con este novo tema, a galega propón unha viaxe íntima e sensorial sobre unha base de electrónica minimalista, apelando á memoria emocional, o desexo e á propia esencia dos sentimentos.

Camponarai é, ademais, a primeira produción en solitario de Sabela. Tras co-producir, xunto ao recoñecido produtor Ed Is Dead, os dous primeiros adiantos deste EP que verá a luz este mesmo ano, a artista segue a ampliar horizontes musicais, cun proceso de composición e produción propio de todo o tema. Ela mesma destaca que este proceso foi rápido, coma o sentimento que xera esa conexión. Pola contra, á hora de darlle forma dende a produción requiriu máis tempo, xa que o tema non busca axustarse aos moldes establecidos da produción musical actual, senón respectar esa sensación sobre a que xira o concepto de Camponarai, e construír en base a ela.

Sabela experimenta un momento doce arredor da súa música. Tras a gran acollida dos primeiros adiantos, Hi, My love e Eu espero aquí, así como das dúas extensas xiras por salas de España e Galicia, a artista recolle os froitos do traballo feito en forma de recoñecementos, recibindo o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. A artista encara desta forma un ano no que se publicará o seu tan esperado traballo discográfico en forma de EP.
Este tema conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.

Sabela Ramil, nada en Ourol e veciña das Pontes, é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, SonRías Baixas, Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, durante este mesmo ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love, Eu Espero Aquí e o propio Camponarai son xa os seus tres primeiros sinxelos.

A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable, aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces.

⚙ Configurar cookies
0.18689203262329