Sabela iniciará a súa xira internacional en Bélxica co “Brillante Tour”

Sabela pon rumbo ao estranxeiro coa súa primeira xira internacional. A cantante de Ourol vén de anunciar que o Brillante Tour arrancará o 27 e 28 de febreiro de 2026 no festival EmigraSon de Bruxelas, a gran cita das músicas galegas en Bélxica. Será a primeira parada dunha xira que se ampliará con novas datas e cidades nos próximos meses, e que chega tras un ano especialmente intenso para a artista, marcado polo éxito do seu novo EP Bríllanche os olliños e pola colaboración con María Escarmiento en Non cho podo dar.
O seu paso por festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Xurés Son xa deixara entrever a evolución dun proxecto que continúa medrando. Agora, coa confirmación de Bruxelas, Sabela dá un paso adiante na súa carreira e pon o foco no público internacional. O seu novo traballo acumula preto de medio millón de reproducións en plataformas dixitais e o videoclip de Non cho podo dar superou as cincuenta mil visualizacións en apenas cinco días, confirmando o interese que esperta esta nova etapa.
A artista lucense promete un directo completamente renovado, no que os temas de Bríllanche os olliños terán un protagonismo especial. A través deste EP, Sabela mergúllase na memoria e na esencia do rural galego para reivindicar o seu valor cultural e humano. As cancións inspíranse en lendas populares, antigos oficios, figuras como Maruja Mallo, os animais ou o desexo, tecendo un relato musical que combina tradición e vangarda.
O Brillante Tour ofrecerá unha experiencia sonora máis ampla, na que o pop electrónico explorará novas texturas e emocións, alternando momentos eufóricos, íntimos e ambientais. No repertorio incluiranse temas xa coñecidos como Hi, my love, Eu espero aquí ou Camponarai, xunto a composicións máis recentes como Cerca de ti, A quen ignora e Non cho podo dar, que serán interpretadas por primeira vez en directo.
Sabela afronta esta nova etapa coa madurez artística e a confianza que lle deu o recoñecemento do público galego, e faino, ademais, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais, que colabora neste proxecto. O Brillante Tour promete ser unha celebración da creatividade, da identidade e da emoción que define o universo musical dunha das voces máis singulares da escena galega actual.