Sabaton encabeza o novo gran anuncio do Resurrection Fest 2026, que suma 64 bandas máis ao seu cartel

GaliciaXa | AMariñaXa
O festival acada xa 81 artistas confirmados e reforza unha edición chamada a ser histórica en Viveiro
resurrection-2026-cartel-completo
27 Nov 2025

A organización do Resurrection Fest deu este xoves outro golpe de efecto de cara á edición de 2026 ao revelar un novo bloque de 64 bandas que se incorporan ao cartel, incluíndo o cabeza de cartel que permanecía sen confirmar: Sabaton. A formación sueca súmase así á tripla xa anunciada hai semanas —Iron Maiden, Limp Bizkit e Marilyn Manson—, todos eles presentes en Viveiro do 1 ao 4 de xullo do próximo ano.

Con este anuncio, o festival suma xa 81 artistas confirmados, nun avance que a organización cualifica como “un dos máis ambiciosos da súa historia”.

A chegada de Sabaton, explican, supón o regreso dun dos estandartes do power metal europeo, “cunha proposta épica e de enorme potencia escénica”. Xunto a eles, este novo bloque incorpora nomes especialmente relevantes como A Day To Remember, que actuarán “por primeira vez en Viveiro e ofrecerán o seu único concerto en España en 2026”; Anthrax, definidas como “lenda absoluta do thrash metal que volve ao festival”; e bandas tan recoñecidas como Mastodon e Testament, ás que a organización sitúa como “auténticos referentes do metal mundial”.

Tamén se anuncia a presenza de formacións como Angelus Apatrida, icona do thrash estatal; Bleed From Within, expoñentes do metalcore británico; e President, un dos grupos máis enigmáticos do post-hardcore actual. Xunto a eles, outros nomes coma High Vis, Blues Pills ou Hamlet proporcionarán unha variedade que abrangue desde o hard rock ata sonoridades máis pesadas e progresivas.

No ámbito do black e death metal, o Resurrection Fest avanza unha “representación destacada”, con bandas como Borknagar, veteranos noruegueses do black progresivo; Caskets, cun deathcore técnico e contundente; Dying Wish, que representan a nova xeración do metalcore estadounidense; Gaerea, proxecto portugués de black atmosférico xa consolidado en Europa; e outras propostas como Faefooth, Dogma, Self Deception ou Annisokay, que mesturan death, thrash, metalcore e post-hardcore en distintas variantes.

Os cabezas de cartel revelados nas datas anteriores xa captaran a atención do público: Iron Maiden, definidos como “a banda máis grande da historia do heavy metal”; Limp Bizkit, un dos nomes clave do nu metal global a comezos de século, e Marilyn Manson, ao que cualifican como “un artista xeracional e incuestionable, chamado a ofrecer un espectáculo histórico para Galicia”.

Entre os grupos confirmados previamente figuran tamén Trivium, Calavera Conspiracy —o proxecto dos irmáns Cavalera revisitando Chaos A.D.—, P.O.D., Blood Incantation, Converge, The Rasmus, Imminence, Thrown, Caliban, House Of Protection, Feuerschwanz, Man With A Mission, Get The Shot e The Vintage Caravan, entre outros. A organización subliña que estes nomes representan un amplo abano de relacións entre metal moderno, metalcore europeo, folk metal, punk hardcore e rock psicodélico.

O novo avance inclúe tamén grupos que incorporan electrónica experimental ao metal e ao hardcore, como The Callous Daoboys, The Browning, Psychonaut, Inscream Never Ground, Authority Zero, The Funeral Portrait e Lionheart, descritos como unha das bandas de hardcore estadounidense máis impactantes en directo.

Desde a escena alternativa e underground, o Resurrection Fest destaca a chegada de propostas moi diversas: Witch Club Satan, The Pretty Wild, A.A. Williams, Harm’s Way, Burning Witches, End It, Distant, Last Train, The Scratch, Immortal Disfigurement, Return To Dust, Hulder, TSS, Belvedere, Gridiron, Rosalie Cunningham, Blood Command, Frontierer, Initiate, Ciclonautas, The Gems, Hand Of Juno, Vulvarine, God Complex, Blood Vulture, The Family Men, CWFEN, Fuet!, Lampr3a, Aneuma, así como o grupo viveirense Not Yet, Todomall, Cardiac, Stellvirs, Mourir, Her Anxiety, Crowded e Okkultist, configurando un panorama plural que abrangue desde o punk e o hardcore ata o metal máis extremo.

A organización salienta que este anuncio confirma “un cartel diverso, fresco e de alcance internacional”, coa intención de converter a edición de 2026 nun dos eventos máis relevantes da historia recente do festival.

LISTADO COMPLETO

⚙ Configurar cookies
0.070032119750977