Rutas, tradicións e lecer: A Mariña prepárase para Plans con corazón

A Mariña Lucense prepárase un ano máis para acoller Plans con corazón, unha iniciativa que promove rutas e visitas guiadas polos 16 concellos do xeodestino, co obxectivo de dar a coñecer tanto á poboación local como aos visitantes a riqueza patrimonial, natural e cultural da comarca. As actividades desenvolveranse entre o 5 de setembro e o 12 de outubro, con percorridos que abranguen desde contornas urbanas ata espazos rurais, desde o litoral ata a Serra do Xistral.
A sexta edición desta proposta, promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, conta coa participación de guías oficiais acreditados co selo de calidade turística SICTED, como Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar; así como especialistas en xeoloxía e ornitoloxía, Iván Rodríguez e Carlos Gil. Todos colaboran coa empresa Volta Montana para configurar unha programación que combina educación, lecer e experiencias únicas.
Cada actividade ten un número limitado de prazas e un custo que varía entre 5€ para inscrición individual, 9€ en parella e 15€ para grupos de ata cinco persoas. Este prezo inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes. As reservas poden formalizarse a través do enlace.
O programa abarca unha gran diversidade de experiencias. Entre as primeiras saídas destacan a ruta en Galdo, con Noela Feal, que permitirá coñecer a historia do antigo Concello e visitar a Panadería de Forno de Leña; ou a ruta ao Cadramón, con Boris Vilar, onde se explorará a montaña e a relación do ser humano coa natureza. Tamén inclúe itinerarios urbanos como a ruta da auga en Mondoñedo, ou actividades centradas na gastronomía, como a Faba de Lourenzá en Lourenzá e a cerámica de Sargadelos en Cervo.
Outras propostas inclúen rutas de observación ornitolóxica en Foz, percorridos polos montes de Xove, visitas culturais en O Vicedo e experiencias mariñeiras en Burela, co obxectivo de ofrecer unha visión completa da comarca e conectar coa esencia da Mariña Lucense.
Segundo os organizadores, “Plans con corazón contribúe á desestacionalización do turismo e permite descubrir os recursos máis singulares do territorio, combinando coñecemento, lecer e tradicións locais”, explican desde a Mancomunidade.
Plans con corazón – 16 rutas guiadas
-
Galdo (Viveiro): Venres, 5 de setembro – Historia do antigo concello e Panadería de Forno de Leña
-
O Cadramón (O Valadouro): Sábado, 6 de setembro – Relación do ser humano co territorio
-
Mondoñedo: Domingo, 7 de setembro – Ruta da auga e visita a explotación de porco celta
-
Alfoz: Venres, 12 de setembro – Ruta á beira do río Ouro e cerimonia do caldeiro máxico
-
Xove: Sábado, 13 de setembro – Penas Agudas, paisaxe e natureza insólitas
-
A Pontenova: Domingo, 14 de setembro – Ruta da Seimeira
-
Cervo: Luns, 15 de setembro – Historia da fábrica de siderurxia e louza, marmeladas
-
Trabada: Venres, 19 de setembro – Paisaxes de montaña, etnografía e patrimonio
-
Ribadeo: Sábado, 20 de setembro – Xeoruta dos Ollos, xeoloxía da paisaxe
-
Foz: Domingo, 21 de setembro – Avistamento de aves mariñas en barco
-
Lourenzá: Venres, 26 de setembro – Paseo fluvial, historia e gastronomía local
-
Ourol: Domingo, 28 de setembro – Montes de Ourol, flora, fauna e prehistoria
-
Riotorto: Sábado, 4 de outubro – Historia, sabores e patrimonio local
-
Barreiros: Domingo, 5 de outubro – Patrimonio e lendas das augas santas
-
O Vicedo: Sábado, 11 de outubro – Cabanas convertidas en teatros
-
Burela: Domingo, 12 de outubro – Historia da pesca e cultura mariñeira