Rueda reúnese coa directiva do PP na provincia coa mirada posta nas eleccións europeas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Aposta por repetir os bos resultados do PP en Lugo nas eleccións europeas para defender a importancia do rural e do mar nas políticas comunitarias
reunion-pp-directiva-provincial
Reunión da directiva do PP da provincia con Alfonso Rueda
16 Maio 2024

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, amosou o seu convencemento de que o Partido Popular volverá repetir os seus bos resultados na provincia de Lugo nas próximas eleccións europeas e puxo o foco na importancia de defender o rural e o mar galegos no eido das políticas comunitarias.

Fíxoo na Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo celebrada esta tarde e acompañado pola presidenta do partido na provincia, Elena Candia, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. Unha reunión na que tamén interviñeron os novos conselleiros do Goberno galego, María Martínez Allegue, José González, Antonio Gómez Caamaño, José López e María José Gómez, que se deron a coñecer entre o partido provincial e fixeron unha breve presentación das liñas mestras dos seus departamentos.

O líder dos populares galegos incidiu precisamente na importancia de que sectores estratéxicos para a provincia de Lugo como son o agrogandeiro, o forestal e o pesqueiro estean en mans de dous lucenses: Alfonso Villares e María José Gómez. Algo que considera un reflexo do moito que teñen que dicir Galicia e a provincia en Europa á hora de defender os intereses destes sectores.

Tamén quixo dar a benvida e trasladar os seus mellores desexos a Encarna Amigo e a Nicole Grueira, que onte tomaron posesión como novas deputadas do Grupo Popular no Parlamento de Galicia. Dúas novas parlamentarias que se unen ao grupo de 8 deputados que representan a esta provincia no Pazo do Hórreo, ao que lle pediu compromiso e traballo na defensa dos intereses dos lucenses.

0.14100098609924