Rueda garante as actuacións nas praias ata que estean “absolutamente limpas” de granulados
O presidente da Xunta, Afonso Rueda, garantiu que o Goberno galego traballará “ata o último momento” ata que as praias galegas estean “absolutamente limpas” de residuos de granulados que están a chegar pola vertedura destes plásticos por parte do mercante Toconao fronte as costas portuguesas.
“Desde o primeiro momento o obxectivo da Xunta é claro; non descansar ata que as praias queden totalmente limpas”, garantiu o mandatario galego, despois de informar da análise que o Consello da Xunta fixo hoxe sobre o impacto da vertedura de granulados e que, segundo precisou, ten afectado ata este momento a 42 municipios, nos que se teñen detectado estes materias nas súas praias.
Rueda salientou que o Goberno galego xa ten en marcha cos concellos un operativo de 200 profesionais para recoller estes granulados e tamén outros residuos plástico que se detectan nos areais e adiantou que “se reforzarán ata os 300 nesta fin de semana”. De igual xeito, explicou que se está a monitorizar a situación en todas as praias afectadas co obxectivo de “retirar canto antes os granulados que vaian chegando”. Ademais, garantiu que o operativo de limpeza da Xunta “continuará activo e en alerta ata que non queden ningún destes residuos nas praias”.
“Xa e canto antes” os medios do Goberno central
O presidente demandou que ante este “compromiso da Xunta” o do Goberno central “sexa o mesmo”, en canto ás súas competencias no mar na loita contra a contaminación e reclamou que non se poñan “escusas”. Por iso, tras ter elevado o Plan de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) ao nivel 2, Rueda lembrou que a Administración galega ten demandado medios para a detección dos residuos no mar e para que estes non cheguen ás praias, en referencia a solicitude de sete lanchas, catro barcos, un avión e dous helicópteros e un submarino.
No entanto, lamentou que, pasadas máis de 48 horas da petición destes medios, Galicia “continúa sen ter eses medios comprometidos polo Goberno central”. Polo tanto, reclamou que os envíe “xa e canto antes” para colaborar coa Xunta e cos concellos na loita contra esta contaminación, dentro do ámbito das súas competencias, “que é a mariña”, lembrou.
“Todos os sacos que se intercepten no mar son granulados que non chegarán á costa”, argumentou ao respecto. “Sempre vai ser moito máis sinxelo mentres estean nestes sacos na auga, e non que se estraguen e cheguen ás praias”, advertiu. “Cada granulado que chegue as praias é un granulado que non se recolleu no mar”, afondou, sobre a necesidade da actuación antes de que cheguen a terra.
Información á Fiscalía e nova reunión Camgal
En paralelo á limpeza das praias, o presidente explicou que o Goberno galego vai remitir á Fiscalía toda a información da que dispón a Xunta para que se aclaren todas as circunstancias relacionadas con esta vertedura. “Nós somos primeiros interesados de que se chegue ao final de todo isto para determinar os responsables”, aseverou. De igual xeito, adiantou que a Xunta traballará co sector pesqueiro e co sector turístico para evitar calquera dano a súa Imaxe.
Ademais, informou de que esta tarde volverá celebrarse unha nova reunión do Plan Camgal, un encontro ao que se ten convidado a participar á Delegación do Goberno en Galicia e tamén a representantes da Fegamp, xa que o mandatario galego considerou necesaria a súa participación.
Nesta reunión avanzou que se abordarán o protocolo de recollida dos granulados e tamén outro para organizar as persoas voluntarias que queren botar unha man na recollida destes residuos nas praias, e ás que lle agradeceu a súa colaboración.
https://galiciaxa.com/2024/01/amxa/zonas-amxa/foz-amxa/248487/