Rueda destaca desde A Mariña que o PPdeG pecha 2025 nun momento de fortaleza

AMariñaXa
O presidente dos populares galegos reuniuse en Viveiro con alcaldes e portavoces da comarca e animounos a manter a unidade e o traballo de cara a 2026
Rueda_PP-Comarcal_AMarina-2025
23 Dec 2025

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, salientou este venres desde A Mariña lucense que o PPdeG remata o ano 2025 “forte” e atravesando “un bo momento”, unha percepción que, segundo indicou, puido constatar nas distintas xuntanzas celebradas con motivo do Nadal. Rueda precisou que esta situación positiva responde ao propio traballo do partido e non ao “demérito doutras formacións”.

O líder dos populares galegos presidiu ao mediodía unha reunión en Viveiro con alcaldes e portavoces do PP da comarca, nun encontro no que estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e pola presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, ademais doutros cargos do partido na provincia. A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, exerceu como anfitrioa da xornada.

Durante a súa intervención, Rueda quixo recoñecer o labor dos rexedores e representantes municipais, aos que definiu como parte dun equipo que responde ao perfil que, ao seu xuízo, demanda a cidadanía galega: persoas “traballadoras, con principios claros e afastadas de conflitos innecesarios”.

Nesa liña, animounos a continuar por ese camiño, incidindo na importancia de “traballar moito” e de actuar con seriedade cando a situación o require. Fronte a este modelo, contrapuxo a actitude doutros partidos, criticando que o PSOE “está a dar un espectáculo, especialmente nesta provincia”, e que o BNG, “despois de ofrecer tantas leccións”, é “incapaz de actuar en consecuencia”.

Xa coa vista posta no ano 2026, Alfonso Rueda fixo un chamamento á unidade interna e á preparación ante calquera escenario político, tendo en conta a incerteza que rodea a convocatoria das eleccións xerais. “Pechamos un bo ano e afrontamos o 2026 con moita forza”, resumiu.

Para rematar, o presidente do PPdeG agradeceu o apoio constante que recibe dos seus compañeiros, trasladoulles tamén o seu respaldo no ano e medio que resta ata as eleccións municipais e amosouse satisfeito por participar neste tipo de encontros. “É fundamental poder vervos, escoitarvos e que me fagades chegar as cousas con sinceridade e claridade”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.10480213165283