Rubén García, novo secretario xeral do PSdeG-PSOE de Trabada

AMariñaXa
A agrupación socialista aposta pola continuidade cun equipo comprometido co servizo público e a mellora do rural
Rubén-García-alcalde-Trabada-2024-abril
1 Jul 2025

A agrupación local do PSdeG-PSOE de Trabada celebrou este luns unha asemblea na que se procedeu á renovación da súa Comisión Executiva Municipal. O actual alcalde, Rubén García Freije, foi elixido por unanimidade como novo secretario xeral, nun proceso que reflicte o respaldo da militancia ao seu liderado.

A nova executiva queda conformada por un equipo reducido pero con perfís coñecedores do territorio e da realidade municipal. Alicia Yanes Maseda asumirá a Secretaría de Organización, mentres que Rosa María Pérez Prieto será a responsable de Política Municipal.

Con esta renovación, o PSdeG-PSOE de Trabada inicia unha nova etapa na que se aposta pola continuidade dun proxecto que ten como piares a defensa dos servizos públicos, a atención á veciñanza e o desenvolvemento sostible do concello. Rubén García, concelleiro desde 2015 e alcalde en exercicio, asumirá agora tamén a tarefa de liderar a organización socialista no plano orgánico.

Durante a súa intervención na asemblea, García Freije agradeceu a confianza do partido e asegurou que “é un orgullo seguir traballando por e para Trabada, con compromiso, honestidade e proximidade”. A nova dirección local comprométese a impulsar políticas que melloren os servizos municipais, fomentar a participación cidadá e apoiar as iniciativas que contribúan ao progreso económico e social da vila.

⚙ Configurar cookies
0.16514086723328