Rúas e prazas da Mariña lucense encheranse de festa

A chegada do Nadal enche A Mariña de luces, música e actividade. As Papanoeladas, os concursos, as carreiras ou os mercados dinamizan os concellos, mentres que outras actividades completan unha programación variada e pensada para toda a veciñanza.
PAPANOELADAS
A Mariña volverá celebrar este Nadal cunha explosión de cor, motores e solidariedade grazas ás múltiples Papanoeladas moteiras que diferentes concellos organizan para estas datas. Trabada abrirá a programación o sábado 20 de decembro, ás 16:30 horas, coa súa segunda edición, impulsada polo Motoclube A Cadeira.

No Valadouro, a tradicional comitiva chegará o 24 de decembro, cun desfile que partirá ás 12:00 horas da praza de Santa María. Agárdase unha xornada chea de panxoliñas, xogos infantís e chocolate quente.
Mondoñedo celebrará o domingo 21 de decembro a súa oitava Papanoelada, organizada polo Moto Clube Ruta N-634. Ás 12:00 horas arrancará unha concentración que percorrerá as rúas antes dunha sesión vermú con callos, sorteos, colchonetas e chocolate.
Ese mesmo día, Ribadeo sumará o seu propio desfile moteiro ás 17:30 horas diante da Casa do Concello, cun percorrido cheo de música, luces e traxes vermellos que rematará cunha chocolatada popular.
MERCADOS
Tamén haberá tradicionais mercados de Nadal, que volverán encher prazas e rúas. En Trabada celebrarase o sábado 20 de decembro na Praza do Concello cunha ampla programación desde as 11:30 horas. Haberá postos artesáns, exposición fotográfica, obradoiros infantís, actuación musical e unha papanoleada moteira con chocolate e biscoito. A tarde inclúe contacontos e a visita de Papa Noel e do Apalpador, ademais de inchables e servizo de bar.
Tamén Cervo prepara a súa cita festiva: o Mercado de Nadal da Asociación Cultural Airiños do Xunco celebrarase o 13 de decembro.
En Vegadeo, Piantón acollerá o II Mercado de Nadal os días 20 e 21 de decembro, de 12:00 a 20:00 horas, na Praza de San Esteban.
Lourenzá súmase á programación o domingo 14 de decembro coa celebración do seu Mercadiño de Nadal na Praza Conde Santo, de 11:00 a 20:00 horas, con participación gratuíta e propostas de artesanía, doces e agasallos. En Xove, celebrarase un mercado baixo o nome O Faio de Generosa. Será os días 20 e 21 de decembro, cun horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00.
O XI Mercado de Nadal – A Trastenda de Nicomedes de Viveiro, promovido pola Asociación Cultural PROA de Viveiro, celebrarase do 19 de decembro de 2025 ao 4 de xaneiro de 2026 na Sala Multiúsos do Concello.
CONCURSOS POSTAIS
O Nadal tamén está cheo de creatividade con concursos culturais para a infancia e mocidade. En Foz, a Biblioteca Municipal Salgado Toimil activa o XXI Concurso de Postais de Nadal, aberto ao alumnado do concello. As obras poderán presentarse ata o 12 de decembro. A postal gañadora converterase na felicitación oficial do Concello para o Nadal de 2025.

Na Pontenova, a Asociación Eco das Minas organiza o primeiro Certame Infantil e Xuvenil Un Nadal musical, dirixido a participantes de 3 a 15 anos, estará aberto ata o 19 de decembro. As creacións pasarán despois a formar parte dunha mostra pública.
Tamén en Burela convócanse o Concurso de Postais e o Certame de Poesía Infantil “Nadal 2025”, que buscan estimular a expresión artística e literaria. As postais poderán entregarse ata o 12 de decembro e estarán expostas na Casa da Cultura, mentres que os poemas deberán presentarse antes do 19 de decembro. Os textos premiados avanzarán á fase provincial.
Barreiros completa a oferta cos seus certames infantís de debuxo e poesía, abertos ata o 18 de decembro e dirixidos a crianzas de entre 3 e 16 anos, mantendo un formato participativo e accesible.
CONCURSOS DECORACIÓN
As iniciativas de decoración multiplicaranse este ano en varios concellos da zona, que apostan por poñer en valor a creatividade veciñal.
En Mor, no Concello de Alfoz, a Asociación Veciñal impulsa a segunda edición do certame de fachadas, no que as vivendas socios poden presentar decoracións visibles entre o 20 de decembro e o 6 de xaneiro.
Pola súa banda, o Concello de Mondoñedo convoca a sétima edición do seu concurso de decoración, con inscricións abertas ata o 5 de decembro e dúas modalidades: individual e colectiva.
En Trabada, a Asociación Cultural O Picato reforza o seu concurso de adornos elaborados unicamente con materiais reciclados, que se exporán na praza do Concello ata o 7 de xaneiro. Os premios, entregados no mercado de Nadal do día 20, recoñecerán a creatividade sostible.

CAMPAMENTOS
O Concello de Trabada organiza un Campamento gratuíto do 22 de decembro ao 2 de xaneiro para nenos de 3 a 12 anos, con obradoiros e actividades de lecer. As inscricións, con prazas limitadas, estarán abertas ata o 16 de decembro. En Mondoñedo será do 22 de decembro ao 5 de xaneiro. A inscrición, aberta estará aberta ata o 18 de decembro.
Na Pontenova chega o Christmas Camp, con manualidades, xogos e vilancicos os días 22 e 29 de decembro para maiores de 4 anos, e o Campamento municipal, dirixido a nenos de 3 a 14 anos entre o 22 de decembro e o 2 de xaneiro. Pola súa banda, o Concello de Xove abre inscricións para Xove Concilia Nadal 2025-2026, programa para nenos de 3 a 10 anos do 22 de decembro ao 5 de xaneiro. As solicitudes poden realizarse na OMIX ou na Sede Electrónica.
Viveiro porá en marcha do 22 ao 26 de decembro o programa Ocio por Nadal 2025, con actividades para nenos de Primaria no pavillón Antonio Tarrío. Haberá 60 prazas e a inscrición está aberta ata o 12 de decembro. Se hai máis solicitudes ca prazas, farase un sorteo público.
Cervo impulsa unha nova edición de Cervo Concilia, para nenos de 3 a 12 anos que funcionará do 22 de decembro ao 7 de xaneiro con actividades lúdicas e formativas. As inscricións, con prazas limitadas, estarán abertas ata o 17 de decembro.
Do 22 ao 31 de decembro (agás os días 25 e 28) e o 2 de xaneiro, desenvolverase o Campamento de Conciliación de Foz na Sala Bahía e de 10:30 a 14:00 horas, con quendas de Madrugadores e actividades dirixidas a nenos de 3 a 12 anos.
Ourol organiza o Campamento de Nadal do 22 de decembro ao 2 de xaneiro, con servizo de conciliación e inscrición do 10 ao 17. Actividade para nenos de 4 a 12 anos.
BELÉNS
O Concello de Viveiro inaugurará o 5 de decembro o Belén xigante “Viveiro ante o Berce”, co alumado na Praza Maior e chocolatada para a veciñanza. En Xove, o Belén de A Rigueira abrirá o 7 de decembro, permanecendo ata o 11 de xaneiro, con visitas sábados, domingos e festivos de 16:00 a 19:00 horas.

DEPORTE
O Vicedo, Cervo e Ribadeo despedirán o ano correndo con dúas citas deportivas que encherán de ambiente festivo as rúas o 31 de decembro.
No Vicedo celebrarase a primeira edición da San Silvestre 2025, organizada pola Comisión de Festas Santo Estevo do Val, cun formato pensado para toda a familia: ás 16:30 horas iniciarase a proba infantil de 500 metros e ás 17:00 partirá a carreira absoluta, de 5 quilómetros.
San Cibrao celebrará o 31 de decembro, ás 12:00, a primeira San Silvestre A Fume de Carozo, con percorridos para todas as idades, inscrición gratuíta e ambiente deportivo e familiar.
Pola súa banda, Ribadeo acollerá a XXXV San Silvestre na que haberá varias carreiras infantís desde as 16:40 horas e a proba principal, tamén de 5 quilómetros, botará a andar ás 17:00. As inscricións permanecen abertas ata o 25 de decembro.
A vila de Foz celebrará o 21 de decembro a décima Run Foz Run Nadal, con andaina, carreiras infantís e proba absoluta de 5 km. As inscricións poden facerse ata o 17 de decembro, nun evento xa tradicional no Nadal focego.
O Concello de Barreiros organiza o 4 de xaneiro a Carreira e Andaina Solidaria de Reis, combinando deporte e solidariedade. As inscricións están abertas ata o 1 de xaneiro, e as achegas destínanse á asociación Somos Unidos por el Cáncer.
FESTAS
Os municipios da Mariña ultiman os preparativos para celebrar a chegada de 2026 con propostas diversas que combinan festa, gastronomía e música en directo. Na Pontenova, a Praza dos Fornos converterase nun dos epicentros da noite grazas á tradicional celebración de Fin de Ano, organizada polo Concello coa colaboración do CIT e Motereo. A partir da unha da madrugada, o Grupo Fénix e o DJ Bombardero serán os encargados de manter o ambiente festivo ata ben entrada a noite.
Mentres, en Riotorto, o pavillón municipal acollerá a súa verbena de Fin de Ano, un clásico da localidade que comezará tamén á unha da mañá cun baile popular amenizado polo Dúo Epo-K. A entrada será gratuíta e haberá servizo de bar durante toda a madrugada, culminando cunha das tradicións máis queridas: chocolate quente de balde ás cinco da mañá para todos os asistentes.
Pola súa banda, en Viveiro, a Comisión de Festas do San Roque impulsa a segunda edición da súa Cea-Baile de Nadal, que se celebrará o 19 de decembro. A celebración completarase cunha barra libre e música dun DJ ata as tres e media, nun evento con prazas limitadas e reserva previa.
Burela despedirá o 2025 cunha festa na Praza da Mariña, onde Conxuro Disco Móvil animará a noite de 00:30 a 05:30 con clásicos e hits actuais. A celebración busca ofrecer un ambiente familiar, divertido e seguro, facendo do evento un encontro inesquecible para recibir o 2026.
A Praza do Souto de Cervo acollerá o 24 de decembro a Noiteboa Infantil de Cervo, con maxia, baile e humor do pallaso Rudi Dudi desde as 18.00 horas, chocolatada e a visita de Papá Noel ás 19.30. Haberá tamén sorteos e actividades pensadas para promover a convivencia e a ilusión das familias.