Rúa desvela o primeiro gran nome das Festas da Candelaria

A parroquia de Rúa, no concello de Cervo, comeza a quentar motores para a celebración das Festas da Candelaria, que terán lugar a finais de xaneiro e comezos de febreiro. Un dos momentos máis agardados será o domingo 1 de febreiro, xornada na que o Grupo Fénix fará vibrar ao público cun directo que promete intensidade, ritmo e espectáculo.
A actuación de Fénix convértese así na primeira gran confirmación musical dun fin de semana que a organización cualifica como “moi especial” e que irá collendo forma progresivamente. Dende a comisión organizadora avanzan que este anuncio é só o inicio dun cartel máis amplo, que se irá desvelando nos vindeiros días a través das redes sociais.
A programación musical contará tamén coa presenza doutras formacións de recoñecido prestixio no circuíto festivo galego, como Los Satélites, Olympus e Origen, aínda que polo de agora non se coñece a distribución exacta das actuacións por días.
As Festas da Candelaria de Rúa consolidan así a súa aposta por combinar tradición e música en directo, converténdose nun punto de encontro para veciñanza e visitantes nunha fin de semana chamada a encher a parroquia de ambiente festivo e celebración.