Roi Casal actúa en Ribadeo como antesala ao Ribadeo Indiano
Este sábado rematan as véspera do Ribadeo Indiano cunha merenda campestre e co concerto de Roi Casal en Pedro Murias. “Comeza a conta atrás para a novena edición do Ribadeo Indiano. Levamos días celebrando as vésperas e as antevésperas con visitas teatralizadas, con obradoiros de doces, con monicreques na rúa… para ir creando ambiente e prepararnos para os días 12, 13 e 14 de xullo”, explica a concelleira de Turismo, Marta Saíz.
A merenda campestre será na granxa escola Pedro Murias, “un lugar dunha beleza especial e no que a pegada indiana é evidente xa que a instalación foi levantada grazas á filantropía dun emigrante ribadense que fixo fortuna en Cuba e que da nome ao centro. A merenda dará comezo ás seis tarde. “Animamos ás familias á levar as súas cestas e os seus manteis para compartir unha tarde diferente. Logo haberá unha degustación gratuíta do saboroso Chocolates Moreno, chegado directamente de ultramar”.
A xornada culminará co concerto que ofrecerá a partires das oito e media da tarde o cantautor Roi Casal. “Queremos animar desde a organización do Ribadeo Indiano a achegarse mañá pola tarde a Pedro Murias a gozar dun sábado diferente”.