Rodríguez constata en Barreiros a boa acollida do programa 'A Administración Cerca de Ti'
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, valorou positivamente a posta en marcha do programa A Administración Cerca de Ti do Ministerio de Política Territorial, en colaboración coa FEMP, tras os dous primeiros meses, novembro e decembro, de funcionamento, achegando as ferramentas da Administración dixital a 31 municipios da provincia. Fíxoo durante unha visita esta mañá ao Concello de Barreiros no que constatou a boa acollida desta iniciativa estatal por parte da cidadanía “coa que buscamos que os veciños e veciñas do rural accedan con sinxeleza aos servizos da Administración Xeral do Estado, reforzando a igualdade de oportunidades, vivas onde vivas”, remarcou.
Durante o encontro, a subdelegada estivo acompañada pola alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; e a tenente de alcaldesa, María Carmen Veiga, no que destacou o alcance deste Plan, dirixido a municipios con menos de 8.000 habitantes, “co que se vai beneficiar a 59 Concellos, o que supón o 88% das localidades da provincia, facendo unha Administración máis útil e próxima para os lucenses”.
Isabel Rodríguez sinalou que “A Administración Cerca de Ti” enmárcase no traballo que está a desenvolver o Goberno de España para dar resposta aos novos desafíos aos que se enfrontan os municipios con menor poboación, “facilitando e achegando as xestións básicas da Administración á cidadanía que vive no rural e evitando desprazamentos á capital da provincia”. Nesta liña, explicou que o programa pon de manifesto a importancia que ten para o Executivo Central a loita contra o despoboamento, un dos principais eixes de actuación, “potenciando a cohesión territorial, garantindo a igualdade de dereitos e eliminando a fenda dixital”.
Así mesmo, a subdelegada agradeceu o apoio de Concellos como Barreiros “porque todo o que sexa reforzar a colaboración entre administracións é fundamental para difundir o plan e, deste xeito, chegar ao maior número de persoas para que dispoñan da información necesaria e realicen os seus trámites de forma telemática”. Igualmente, puxo en valor o traballo dos funcionarios e funcionarias públicas da Subdelegación de Lugo que están a percorrer a provincia, cos seus equipos tecnolóxicos, visitando o 52% dos municipios en só os dous primeiros meses do programa.
Xunto a Barreiros, este Plan do Ministerio de Política Territorial presentouse tamén en Guitiriz, Castroverde, Palas de Rei, Cervo, Paradela, Castro de Rei, Lourenzá, Láncara, Cervantes, O Incio, Riotorto, Abadín, Baleira, Triacastela, Folgoso do Courel, Xove, Guntín, O Páramo, Monterroso, Pol, Mondoñedo, O Corgo, Navia de Suarna, Samos, Xermade, Ribeira de Piquín e As Nogais, O Valadouro, Alfoz e Trabada.
Servizos máis demandados
O certificado electrónico e a Cl@ve permanente son as opcións de acceso ao catálogo de servizos dixitais da Administración máis demandadas polos lucenses, entre os que destaca o Cartafol Cidadán, unha aplicación na que se poden consultar datos persoais como pode ser a vida laboral, citas previas, información sobre procedementos, notificacións pendentes ou estado de expedientes en trámite, ademais de recibir avisos e alertas. Ademais, as consultas relativas a acometer trámites na Administración Dixital e na Seguridade Social son tamén moi requiridas.
O catálogo de servizos electrónicos da Delegación do Goberno en Galicia ofrece 125 trámites de xeito telemático, entre os que se atopan xestións relacionadas cos servizos de Estranxeiría; pago de taxas; comunicación de mobilizacións; validación de títulos universitarios estranxeiros ou a presentación de queixas ou suxestións ante a Administración.