Roda de novo o balón

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Arranca unha nova tempada de fútbol con cambios no regulamento para unificar as novas categorías, especialmente nas bases
balon-de-futbol
8 sep 2024

Despois dun mes de agosto de quentar motores, chegou o momento esperado. Arranca a Liga para todos os equipos de fútbol, que aproveitaron o verán para remodelar os seus equipos de cara a unha meta común para todos eles, crecer e superarse, ben sexa levándose o título ou mesmo o ascenso de categoría.

Para a maior parte deles o premio será manter a categoría pero sexa como sexa a maquinaria está en marcha e o balón xa botou a rodar e adaptándose aos novos cambios que trae este ano a Federación Galega.

As competicións nacionais escolleron o inicio do mes de setembro para a estrea. Agás o CD Lugo, que en Primeira Federación xa leva varias xornadas disputadas. O equipo, que se remodelou dende a dirección, logrou a permanencia o ano pasado in extremis, sendo o equipo mellor situado da provincia.

En Terceira Federación coinciden o resto de equipos que están en ligas nacionais. O Polvorín, filial do Lugo, e o Vilalbés, retornan a esta descendidos pero con forzas renovadas para seguir loitando. Neste mesmo grupo seguen a Sarriana, que non logrou o ascenso, e o Viveiro.

O equipo sarriao tivo moi preto o ano pasado a Segunda Federación, pero ao final escapóuselle o premio.

Os catro equipos da provincia iniciarán a Liga a fin de semana do 8 de setembro.

PREFERENTE

Un dos primeiros cambios que se produce este ano é que a Preferente para a ser Preferente Futgal, aínda que segue na mesma liña e ten a mesma data de inicio da competición. O Ribadeo e o Lemos conseguiron o ano pasado manterse nesta difícil categoría e estréanse este o Pol, que pechou un ascenso directo logo dunha magnífica tempada, e o Escairón, que tivo que acudir á promoción para entrar no último paso do fútbol galego.

A gran novidade no formato de competición de cara á próxima campaña radica na posta en marcha dun play off de ascenso. Ata esta campaña ascendían catro equipos de maneira directa (os dous primeiros clasificados de cada grupo). A partir desta mesma campaña manteranse os catro ascensos, pero da seguinte maneira: os campións de cada un dos grupos darán o salto á Terceira Federación de maneira directa e as outras dúas prazas sairán dunha promoción na que participarán o segundo, terceiro, cuarto e quinto clasificados de cada grupo. Estes enfrontaranse de xeito cruzado (2º contra 5º e 3º contra 4º) a ida e volta. Os vencedores disputarán unha segunda eliminatoria que ditaminarán as outras dúas prazas e ascenso.

Non houbo tanta sorte para o Castro e o Residencia, que regresan á Primeira Futgal, a nova denominación da anterior Primeira Galicia, tamén coñecida como Primeira Autonómica.

A categoría segue a ser de ámbito autonómico pero composta agora por 108 equipos repartidos en 6 grupos de 18 equipos cada un. Os lugueses seguen a competir xuntos no grupo 3 e tamén sairán ao verde a mesma fin de semana.

Póñense en xogo 9 ascensos a Preferente. Acadarán o pase directo os campións de cada grupo e os tres ascensos restantes sairán dunha promoción na que participarán os segundos e terceiros clasificados de cada grupo.

Seguen a ser o mesmo número de equipos, e xunto aos novos descendidos tamén están os ascendidos, como o Vilalbés B, o San Lázaro, o Pastoricense e o Oural.

As seguintes fins de semana de setembro será cando se inicie a competición para a Segunda e a Terceira Futgal, que tamén cambian de nome pero que previsiblemente seguirán o mesmo sistema que en anos anteriores e nas que os cambios son as novas chegadas por ascenso ou descenso. A Federación aínda non fixo públicas as normativas destas categorías pero poucos cambios se esperan xa que esteas modificacións están máis centradas este ano no fútbol de base.

NOVAS CATEGORÍAS

Así, nas categorías xuvenil, cadete e infantil creouse unha nova división, situada entre a anteriormente coñecida como Liga Galega e a Primeira Provincial. As antigas galegas levarán tamén o nome de Preferente Futgal ao lado de xuvenil, cadete e infantil, e a nova categoría distínguese como Primeira Futgal. Despois desta manterase a división provincial.

Mantéñense por suposto as tres categorías nacionais, nas que está como único representante o CD Lugo. O xuvenil A está en Liga Nacional Xuvenil, despois do descenso que acadou na última sesión mentres que o B pasará por arrastre á agora Preferente.

En División de Honra cadete e infantil estarán un ano máis tamén sós.

En Preferente Futgal están o Vilalbés, o Lugo B e o Milagrosa no norte e o Calasancio no sur. Na cadete Lugo B e Residencia están como únicos representantes, logo do descenso do equipo monfortino. Na infantil competirán o Residencia, o Polvorín e o Viveiro.

No relativo á Primeira Futgal quedaron clasificados a tempada pasada os mellores equipos por debaixo dos ascendidos. Os da provincia de Lugo foron divididos en dous subgrupos. Na xuvenil están Chantada, Residencia, Palas, Sarriana, Becerreá e Antas.

Na cadete quedan o Polvorín FC e o EF Polvorín, Vilalbés e Residencia B xunto a Chantada e Calasancio.

Na infantil están Piringalla, Milagrosa, Sarriana, Vilalbés, Ribadeo, Lugo B e Calasancio.

LIGAS FEMININAS

Non haberá cambios nas ligas femininas este ano, nas que o Lugo e o PM Friol están como figuras destacadas na Terceira Federación, na que o primeiro logrou a permanencia no seu primeiro ano na categoría in extremis. Para as de Friol foi un ano complexo pero aseguraron pronto a súa praza. Arrancan tamén esta fin de semana a contenda.

As ligas galegas femininas atrasaranse algo máis. Estrearanse o 15 de setembro a Primeira e a Segunda. Logo do descenso do PM Friol B non haberá representación da provincia na categoría máis alta. Tampouco se coñece aínda a composición do resto.


O CD LUGO

O CD Lugo arranca tempada con novidades no seu cadro de xogadores. Guille Perero e Nathaniel Nicholas, aos que se uniu Raúl Hernández, que chega á cidade amurallada tras completar a tempada 23/24 nas filas do CF Fuenlabrada e Jon Ceberio, mediocentro que formou parte do CF Intercity, protagonizaron as primeiras presentacións. Únense a eles Jon Cabo, que completou o seu proceso formativo na canteira do Athletic Club, Martín Ochoa, que vén cedido do Deportivo, e Martín Ochoa.

A entidade tamén chegou a un acordo con Erik Ruiz, con Marcos Sánchez, co catalán Roger Martínez, co porteiro Marcos Lavín e o defensa central Juan Rodríguez, procedentes do Alxeciras CF. A afección tamén poderá desfrutar do lateral esquerdo Ander Zoilo, procedente da canteira da Real Sociedade, de Alberto Vaquero e Yayo González. Pablo Cacharrón e Dani Vidal completan as presentacións.

Pola contra, o club cede a Andrés Castrín, que estará no Sevilla; Gonçalo Tabuaço, no CS Marítimo; David Rosón, que renova ata 2026 e xogará no Don Benito e finaliza o contrato con Fran Mérida.


O VIVEIRO CF

O Viveiro CF tamén cambiou de adestrador, e será Jandry Rego o que se encargue de levar ao equipo ao máis alto. O que foi o asistente de Alberto López toma o mando e xa se encargou da pretempada.

Hai cambios no equipo pero non tantos como no resto de categorías. Na porta estarán Ayoub e Lluc, vellos coñecidos da afección, e no medio campo seguirán Diego Fernández e Diogo Petiz, aos que se suman as incorporacións de Chucas, Víctor Fernández, Xoel, Salomón Teijo e Lucas Fanego, mentres que serán Juan, Rolle, Adri Lombao, Arturo e Cora os que seguirán defendendo os cores celestes. Na liña dianteira estarán Carlos Teixeira, Jorge e Xoel Ferro. Posteriormente foron incorporados

Álex Vila e Diego Herrador e tras varias baixas reforzaron o mediocentro con Pablo Calvete.


O RC VILALBÉS

O Rácing Vilalbés, que non logrou manterse en Segunda RFEF por moi pouco despois da súa estrea histórica, volverá á Terceira con moita ansia de atopar de novo a senda do ascenso.

Aos mandos está agora Alberto López, ex técnico do Viveiro, xa que Simón Lamas deixou o equipo cando se produciu o descenso.

Xunto a Lamas tamén houbo outras 15 baixas polo que hai un Rácing totalmente novo. Entraron no equipo Rodolfo Perilae, Borja Míguez, Anthony Gardette, Gabri Barroso e Adrián Fernández na parte de adiante. Na defensa están agora Edgar Redondo, Martín da Lama, Asier Burundarena e David García. Estas incorporacións súmanse a veteranos como López, Vérez, Make, Javier e José Varela, Buyo e Santomé. Do filial chegan Noel, Pedro, Álex e Edu así como xuvenís Iago e Sergio.


A SARRIANA

A Sarriana contará este ano con novo adestrador, Jaime Paz, que procede do Villarreal, onde formou parte do corpo técnico de Quique Setién. Tamén foi asistente técnico no Oviedo.

Así, con Jaime Paz forman parte do corpo técnico do club Juan Noé, Adriano Sousa, David, Diego e Santi Prieto.

Por outra parte, anunciáronse as renovacións de xogadores do equipo como Javi Liz, Valentín Mosquera, Tomás Susavila, Maxi Levbrand, Keko Vilariño, Jacobo Vilariño, Adri Díaz, Álex Boedo, Diego Rey, Cuadrado, Arona e Brais Prieto.

Mentres, tamén se anunciaron as incorporacións de novos xogadores, que son Álex Millán, Martín López, David Guitián, Froilán Contreras, Youseff Sánchez, Rai, Luis Díaz e Santi Gegunde.

Ademais, durante a pretempada, xogarán co primeiro equipo varios integrantes do sénior B, como Rubén Mourelo e Brais López, e o do xuvenil, como Óscar, Uxío, Pablo No, Adrián Pardo e Guti.

0.12947297096252