Roberto Díaz Expósito, encabezará a candidatura dos populares en Lourenzá
Roberto Díaz Expósito, que encabezará a candidatura dos populares nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, asegura que “contamos cun equipo con ganas de traballar e con moita ilusión por sacar adiante proxectos realistas que temos en mente co obxectivo de recuperar o dinamismo de Lourenzá”.
Ao acto de presentación que coincidiu cunha homenaxe aos que foron e son concelleiros populares no municipio asistiu María Jesús Lorenzana; membros da dirección provincial coma o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; o coordinador xeral e deputado mariñán, José Manuel Balseiro; deputados, alcaldes, portavoces, candidatos doutros municipios da zona, veciños e afiliados.
O alcaldable cre fundamenal “recuperar certa actividade no municipio”. Para iso hai que apoiar as iniciativas empresariais e emprendedoras aproveitando que “moitos veciños, tamén de concellos limítrofes, fan as súas xestións en Lourenzá. Se hai emprego e o noso pobo resulta atractivo para vivir, conseguiremos incrementar a poboación”. Roberto Díaz aposta por fomentar o sector agrogandeiro -e, máis concretamente, a faba de Lourenzá amparada baixo unha IXP- e o forestal, que son “importantes fontes de riqueza no noso concello”. E potenciar o deporte “que é outro sinal de identidade de Lourenzá”.
Así mesmo, nomeou a recuperación do patrimonio cultural e histórico e a creación das sinerxías necesarias para impulsar negocios e actividades en torno ao Camiño de Santiago que “pasa por dous lugares de Lourenzá: a final de etapa do Camiño Norte en Santa María de Lourenzá e a variante que vén dende Vegadeo e pasa por Santo Tomé”.
O popular defendeu a “transparencia” e “a escoita aos veciños para coñecer as súas preocupacións e recoller as súas aportacións” para impulsar entre todos “un municipio con identidade propia”.
PROXECTO RENOVADO, SERIO E REALIZABLE
A dirección provincial sinala que “contamos cun proxecto renovado, serio, realizable e contundente para que os veciños de Lourenzá volvan confiar maioritariamente no Partido Popular nas vindeiras municipais”, que “constituirán o cambio de ciclo político cara ao modelo do sentidiño que chegará ata as eleccións xerais previstas para finais deste ano”.
Os populares engaden que “aspiramos a recuperar a alcaldía de Lourenzá que estivo gobernada polo PP excepto nos últimos oito anos nos que a xestión do goberno local brillou pola súa ausencia e que non está a atender as necesidades dos veciños”. Como exemplo, explicaron que “hai 9 persoas en lista de agarda para recibir o servizo de axuda no fogar a pesar de que o Concello dispón de horas que ten pendentes de asignar”.