Riotorto repartirá este sábado máis de seis mil euros en premios no Entroido

Este sábado 22 de febreiro terá lugar en Riotorto o esperado Desfile de Entroido, un evento que reunirá participantes de todas as idades coas súas mellores creacións. A saída está programada para as 16.30 horas desde a Casa da Cultura, percorrendo as rúas do municipio ata o pavillón polideportivo.
O desfile contará con diversas categorías para nenos e adultos, premiando os mellores disfraces individuais, de parellas, grupos, carrozas, charangas e comparsas. Entre os galardóns destacan os premios de 550 euros para as comparsas máis destacadas, 360 euros para as mellores carrozas e 300 euros para as charangas. En total, serán máis de 6.000 euros en premios, con galardóns tamén para os grupos e participantes individuais tanto na categoría infantil como na de adultos.
A inscrición pode realizarse ata o día do evento enviando un correo a riotortocf@gmail.com ou presencialmente na Casa da Cultura de 12:00 a 16:00 horas. Os dorsais entregaranse ata as 16:15 horas.
Tras o desfile, os asistentes poderán gozar dunha verbena amenizada polo Grupo D’Cano e DJ Bombardero, que terá lugar no pavillón. Haberá servizo de bar e comida a cargo da Pulpería Suso de Lugo.
A organización, a cargo do Concello de Riotorto e Riotorto CF, destaca a importancia de seguir as bases do concurso, publicadas na súa web oficial, para garantir un evento seguro e divertido para todos os asistentes.
Para máis información, pódese contactar no teléfono 617 985 351 ou visitar a web oficial do Concello de Riotorto.
FESTA INFANTIL
O Concello de Riotorto organiza unha festa de Entroido infantil o martes 4 de marzo. A xornada, que será de 17.00 a 20.00 horas, contará con inchables e talleres ademais do tradicional desfile.
Despois da festa ás 20.00 horas, que se celebrará no pavillón polideportivo, poderase desfrutar de chocolate con churros.
Para participar non será necesario anotarse previamente no Concello.