Riotorto repartirá este ano máis de seis mil euros en premios no Entroido

TerraChaXa | AMariñaXa
O desfile contará con diversas categorías para nenos e adultos, premiando os mellores disfraces individuais, de parellas, grupos, carrozas, charangas e comparsas
desfile-entroido-riotorto
12 Jan 2025

O vindeiro sábado 22 de febreiro terá lugar en Riotorto o esperado Desfile de Entroido, un evento que reunirá participantes de todas as idades coas súas mellores creacións. A saída está programada para as 16.30 horas desde a Casa da Cultura, percorrendo as rúas do municipio ata o pavillón polideportivo.

O desfile contará con diversas categorías para nenos e adultos, premiando os mellores disfraces individuais, de parellas, grupos, carrozas, charangas e comparsas. Entre os galardóns destacan os premios de 550 euros para as comparsas máis destacadas, 360 euros para as mellores carrozas e 300 euros para as charangas. En total, serán máis de 6.000 euros en premios, con galardóns tamén para os grupos e participantes individuais tanto na categoría infantil como na de adultos.

A inscrición pode realizarse ata o día do evento enviando un correo a riotortocf@gmail.com ou presencialmente na Casa da Cultura de 12:00 a 16:00 horas. Os dorsais entregaranse ata as 16:15 horas.

Tras o desfile, os asistentes poderán gozar dunha verbena amenizada polo Grupo D’Cano e DJ Bombardero, que terá lugar no pavillón. Haberá servizo de bar e comida a cargo da Pulpería Suso de Lugo.

A organización, a cargo do Concello de Riotorto e Riotorto CF, destaca a importancia de seguir as bases do concurso, publicadas na súa web oficial, para garantir un evento seguro e divertido para todos os asistentes.

Para máis información, pódese contactar no teléfono 617 985 351 ou visitar a web oficial do Concello de Riotorto.

0.095720052719116