Riotorto e A Pontenova volven unirse no Desafío do Ferro
Os concellos de Riotorto e A Pontenova volven unirse este ano no Desafío do Ferro 2022, unha ruta cicloturista que será o 4 de setembro. Esta marcha é organizada pola asociación deportiva Pretorianos Club.
Esta proba conta con dúas distancias, a corta de 30 km e a longa de 50 e con dúas modalidades oficiais da proba bicicleta de montaña ou BTT e bicicleta de montaña eléctrica ou e-BTT.
A saída será ás 9.30 horas da Pontenova e a chegada será tamén no mesmo Concello. Os corredores terán para facer o traxecto ata as 15.30 quedando descualificados automaticamente en caso de non chegar.
O percorrido é maiormente por pistas forestais e camiños ben marcados, habendo nalgunhas ocasións algúns carreiros técnicos e subidas un pouco rotas.
As inscricións están abertas a todos os deportistas con idade mínima de 16 anos cumpridos e estará limitado a 400 participantes. Ten un prezo de 20 euros e inclúe o xantar e unha camiseta.