Riotorto despedirá o ano cun gran baile popular na madrugada do 1 de xaneiro

O Concello de Riotorto prepara unha gran festa para recibir o 2026 por todo o alto. A tradicional verbena de Fin de Ano celebrarase na madrugada do 1 de xaneiro, a partir da unha da mañá, cun baile popular amenizado polo Dúo Epo-K.
A cita, que xa se converteu nun clásico das celebracións locais, terá lugar no pavillón municipal e contará con entrada gratuíta e servizo de bar durante toda a noite. A música en directo prolongarase ata ben entrada a madrugada, co obxectivo de reunir á veciñanza nun ambiente festivo e familiar.
Como broche final, ás cinco da mañá servirase chocolate quente de balde para todos os asistentes, mantendo así unha das tradicións máis queridas desta cita.
Desde o Concello de Riotorto, organizador do evento en colaboración coas asociacións veciñais e culturais do municipio, animan a participar nesta noite de festa e convivencia para comezar o novo ano con alegría, boa música e calor veciñal.