Riotorto acolle unha actividade gratuíta de xogos para estimular a mente das persoas maiores

TerraChaXa | AMariñaXa
Está dirixida especialmente ás persoas maiores e busca promover o envellecemento activo a través de dinámicas lúdicas
puzzle-quebracabezas
13 Mar 2026

O Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) de Riotorto acollerá este venres, 13 de marzo, unha actividade gratuíta centrada nos xogos para estimular a mente e fomentar o entretemento entre as persoas participantes. A iniciativa desenvolverase entre as 17.00 e as 18.00 horas na aula CeMIT situada no Centro Sociocultural Xuvenil e da Terceira Idade do municipio.

A proposta, baixo o título Xogos para a mente e a diversión, está dirixida especialmente ás persoas maiores e busca promover o envellecemento activo a través de dinámicas lúdicas que contribúan a exercitar a memoria, a concentración e outras capacidades cognitivas, ao tempo que se favorece a socialización e o lecer compartido.

A actividade enmárcase no programa impulsado polos Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica en colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (FEGAUS) e coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, dentro das accións orientadas á inclusión dixital e ao benestar das persoas maiores.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse de maneira gratuíta contactando co número de teléfono 646 218 296, onde se facilitará máis información sobre a actividade. A organización corre a cargo da asociación Canal Sénior en colaboración co Concello de Riotorto.

0.11578416824341