Rinlo prepara unha nova festa gastronómica coa II Mexillonada o 18 de abril

A parroquia mariñeira de Rinlo será escenario da II Mexillonada o venres 18 de abril, coincidindo co Venres Santo, dentro da programación de actividades de Semana Santa. A festa comezará ás 12:30 horas nunha carpa instalada na praza de San Pedro, onde se servirán mexillóns e se ofrecerá servizo de bar da man de ReyMa, de Riotorto.
A música tamén terá un papel protagonista grazas á actuación dos Festicultores e do artista Alejandro Martínez, que amenizarán unha xornada pensada para o desfrute colectivo. A iniciativa está organizada pola asociación de veciños O Cantal e conta co apoio do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia.
O alcalde, Dani Vega, destacou na presentación —na que tamén participaron o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e membros da asociación organizadora— que se trata dunha “alternativa gastronómica atractiva para a Semana Santa, que medrará ano a ano”. Lembrou que a primeira edición foi un éxito e amosou o seu desexo de repetir neste 2025, convidando tanto á veciñanza como a visitantes a achegarse a Rinlo e gozar da celebración.