Rinlo estrea cubrecontedores de material reciclado e reforza a limpeza viaria

AMariñaXa
O Concello aposta pola mellora estética e ambiental nun enclave turístico clave, en resposta ás demandas veciñais
Ribadeo-Rinlo-cubrecontenedores-2025
24 Jun 2025

O Concello de Ribadeo vén de instalar novos cubrecontedores fabricados con material reciclado e de baixa necesidade de mantemento en Rinlo, un dos puntos máis turísticos e visitados do municipio. A medida, que forma parte dunha estratexia máis ampla de mellora do espazo público, inclúe tamén a incorporación dun operario municipal exclusivo para a limpeza viaria da vila mariñeira.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, explicou que “seguimos investindo e mellorando os espazos onde se sitúan os contedores. Se nos últimos tempos xa se fixeran bases de formigón e pedra en diferentes parroquias, agora actuamos directamente en Rinlo, en resposta á solicitude da asociación de veciños, que pedía unha mellora na estética e na funcionalidade dos puntos de recollida do lixo”.

Os novos cubrecontedores foron colocados en dúas zonas concretas que presentaban un aspecto deteriorado: a entrada de Rinlo, xunto á Praza de San Pedro, e a zona do porto. Alí construíronse novas bases de formigón e colocáronse estruturas elaboradas con plástico reciclado de alta resistencia, que apenas requiren mantemento. “Con esta actuación apostamos polo respecto ambiental, ao tempo que melloramos a estética dos espazos públicos”, indicou Vega.

O rexedor tamén anunciou a asignación dun traballador municipal destinado exclusivamente a manter limpas as rúas de Rinlo. “Trátase dun servizo necesario para un núcleo que, sobre todo nos meses de verán, concentra moitas persoas e ten unha oferta gastronómica moi ampla e activa”, sinalou. “Xa leva un mes traballando de maneira continua na zona, e este esforzo vai continuar para garantir a boa imaxe de Rinlo, a protección do patrimonio e dos espazos verdes”, engadiu.

Dani Vega insistiu na necesidade de combinar o traballo municipal coa colaboración cidadá: “O Concello debe facer a súa parte, pero tamén é fundamental a responsabilidade individual. Lembramos, por exemplo, que o lixo debe depositarse nos colectores a partir das oito da tarde, e que é importante respectar os horarios e manter limpos os arredores. A limpeza e a conservación do entorno son cousa de todos”.

A iniciativa estenderase a outras zonas de interese do municipio, como os areais, incluída a praia das Catedrais, e os Castros, consolidando así un modelo de xestión sostible e coidado do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.11318802833557