Rinlo conta cun punto limpo de proximidade

AMariñaXa
Concello acaba de instalar en Rinlo un punto de limpo de proximidade. E adquiriu outro, que é móbil e que se destinará ás demais parroquias
punto limpo mobil ribadeo
1 Dec 2022

O Concello acaba de instalar en Rinlo un punto de limpo de proximidade. E adquiriu outro, que é móbil e que se destinará ás demais parroquias ribadenses a principios do vindeiro ano 2023, segundo deu a coñecer o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz.  

O edil ribadense contou que “a Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo vén de recibir un punto limpo de proximidade máis, que xa está situado na parroquia de Rinlo. Tamén adquirimos outro punto limpo, pero neste caso é móbil. Ambos teñen practicamente as mesmas características, simplemente que un é móbil e o outro fixo. En calquera deles pódense depositar residuos domésticos como aceite usado, pilas, aparatos electrónicos pequenos, luminarias, CDs, DVDs, radiografías, cápsulas de café, etcétera”.

Díaz Freije subliñou que “o financiamento total ascende a 18.147,58 euros, dos cales 13.498,20 son fondos europeos e o resto, que é o IVA e o 10 por cento, vai a cargo do Concello, que son 4.649,38 euros”. 

O concelleiro de Medio Ambiente indicou que “o punto limpo móbil empezará a funcionar a principios do vindeiro ano nas demais parroquias, para o que estamos xa elaborando un calendario con datas máis ou menos fixas en cada parroquia”. 

Jorge Díaz engadiu: “con isto damos un pasiño máis para consolidar todo o que ten que ver co reciclado e para achegalo un pouquiño máis ás familias, aos veciños e ás veciñas, intentando que todo o mundo deste concello se conciencie cada vez máis e ter uns puntos de proximidade, un móbil e os fixos, máis ao alcance de cada un de nós”.

0.17176795005798