Rinlo celébrase este sábado como epicentro do sabor a mar coa Festa do Percebe

Este sábado, 2 de agosto, Rinlo converterase un ano máis no epicentro dunha das festas gastronómicas máis salientables de Galicia coa celebración da Festa do Percebe. A cita rende homenaxe a un produto emblemático da costa galega e tamén á forma de vida das persoas que se dedican á súa extracción, nun evento que se consolida no calendario tanto para veciñanza como para visitantes.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou a importancia deste encontro festivo subliñando que “chega o percebe, chega unha das maiores festas gastronómicas de toda Galicia”. O rexedor insistiu en que esta celebración “non só exalta un produto do mar de altísima calidade, senón tamén unha forma de traballar e vivir que representa a esencia das nosas xentes do mar”.
Nesta liña, Vega tivo palabras de recoñecemento para as percebeiras e percebeiros, asegurando que “representan un sector fundamental para o noso territorio, que debemos seguir protexendo e promovendo”.
Co obxectivo de facilitar o acceso á festa e reforzar a seguridade viaria, o Concello de Ribadeo volverá poñer en marcha o Percebús, un servizo de transporte gratuíto que conectará a estación de autobuses de Ribadeo con Rinlo. O vehículo circulará sen interrupcións de 11:00 a 15:00 horas na ruta de ida, e entre as 21:00 e a 01:00 horas para o regreso.
Segundo explicou o alcalde, esta medida naceu hai tres anos “co propósito de garantir que a veciñanza e as persoas que nos visitan poidan desfrutar da festa sen preocupacións e con toda seguridade”.
“A nosa intención é que tanto a mocidade como as persoas de máis idade conten cun medio de transporte cómodo, accesible e seguro. Non se trata só de celebrar, senón de facelo con responsabilidade”, engadiu Vega.
O mandatario ribadense convidou á cidadanía a participar dun evento que, segundo afirmou, “xa está marcado en vermello no calendario de Ribadeo, e tamén no de moitas outras persoas que veñen de fóra”. A festa busca reforzar a identidade local, atraer visitantes e enxalzar o valor do percebe como produto estrela do litoral.
Así, Rinlo prepárase para acoller unha nova edición desta festa que mestura sabor, tradición e compromiso co mar. Todo está listo para que o percebe volva ser protagonista, acompañado da música, o bo ambiente e a hospitalidade que caracteriza á Mariña lucense.