Ribadeo xa forma parte de Alingua, a asociación de entidades locais pola lingua galega
Ribadeo forma parte de Alingua, a asociación de entidades locais pola lingua galega, xunto a outros 18 concellos galegos. En Vilagarcía presentouse o programa de actividades a desenvolver nos vindeiros meses.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que “acabamos de estrear a campaña É túa. Pásaa! para apelar ao uso do galego no individual e no colectivo. O lema xa loce nunha pancarta na fachada do noso Concello desde hai uns días”.
A edil ribadense indicou que “Alingua é unha asociación de entidades locais que é consciente das vantaxes do traballo cooperativo, da importancia fundamental da colaboración para a política lingüística, pois ademais de permitir rendibilizar esforzos, axuda a visibilizar as accións que se realizan para dinamizar o uso da lingua, facendo que acade un maior impacto e incidencia na sociedade. Unir esforzos, sempre suma”.
Otero Cabarcos indicou que “É túa. Pásaa! é o lema da campaña de Alingua no ano 2023 e fai unha chamada á acción, para animar a usar e transmitir a nosa lingua, o galego”.
Alingua tamén desvelouse estes días o tema musical creado para transmitir esa mensaxe. Foi realizado por Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, que convida a coidar a lingua pero sobre todo convida a falala, a usala. Xunto ao vídeo, no mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia na transición lingüística.
Alingua tamén publicará nas súas redes sociais os próximos meses entrevistas a persoas de diversos ámbitos que achegarán as súas vivencias coa lingua, novos recursos en galego ou sorteos para visitar o fondo mariño, entre outros contidos.
Sobre Alingua
Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, é unha entidade da que forman parte dezanove concellos galegos: A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa; e a Deputación de Pontevedra como membro amigo.
Moitas destas institucións locais, como é o caso do Concello de Ribadeo, xa viñan colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate.