Ribadeo xa conta con servizo diario de pediatría
Ribadeo conta xa co servizo de pediatría todos os días. “Dende o Concello estivemos buscando a solución e xestionando ante a Xunta de Galicia para que o servizo de pediatría fora de todos os días e dende logo conseguímolo”, explica Dani Vega.
Pero o rexedor municipal manifestou tamén que “non é un tema para esquecer, é un asunto para ser constante e esixente e que se cubra calquera baixa ou vacación porque dende logo Ribadeo non pode perder ese servizo diario de pediatría. Sabemos da dificultade e que é moi complexo buscar un pediatra para cubrir unha baixa ou unha vacación porque non os hai”.
Nestes días, “tivemos varias reunións coa Consellería e estivemos buscando solucións. Nestes momentos o servizo de pediatría en Ribadeo é de todos os días, pero estamos atentos e vixiantes e con esa relación constante entre administracións porque vai haber vacacións, seguramente que haberá baixas, e debemos ser esixentes para que a Xunta de Galicia comprenda: ten que ser consciente que dada a poboación de Ribadeo o servizo de pediatría ten que ser de todos os días”.
Aínda que se trata dun problema solucionado, “pero o Concello non vai aparcar o tema senón que vai ser constante e esixente porque o servizo de pediatría en Ribadeo ten que estar todos os días dada a poboación e o número de familias que acoden ao pediatra. Polo tanto vamos estar traballando e todas as familias saben que teñen ao Concello ó seu servizo e se necesitan algo vamos seguir axudando e colaborando”.
O BNG denuncia retrasos no servizo
O BNG posicionouse sobre este asunto e asegura que as xestións dos últimos días “podía telas feito antes porque hai que recordarlle que este problema está enquistado desde o pasado 5 de decembro do 2023 e se tivese feito xestións nese momento teríanos evitado todo este padecemento durante tanto tempo”.
E aseguran que se o servizo de pediatría funciona todos os días é “porque a profesional titular desa praza en Ribadeo incorporouse ao seu posto de traballo despois dun período de baixa laboral desde o mes de decembro do ano pasado. “. Segundo a formación política que !o alcalde pretenda facernos crer que a reincorporación desa profesional se debe ás súas xestións, cando durante seis meses non fixo absolutamente nada, é o mesmo que burlarse de todos os veciños e veciñas
Para eles o problema é que durante todo este tempo case 1.000 nenos e nenas de Ribadeo, e máis do veciño concello de Trabada, non tiveron a atención sanitaria que se merecen porque a consulta de pediatría só foi atendida catro ou cinco horas á semana e provocou contratempos e retrasos na atención ou adiamentos das revisións establecidas, por exemplo as do Programa Neno San.
E están seguros de que isto pode volver a pasar no futuro en calquera momento. “Ninguén está libre dunha baixa laboral; todos os traballadores teñen dereito aos seus períodos de descanso e de vacacións e o que ten que haber son profesionais e recursos suficientes, un sistema sanitario ben dimensionado e ben dotado para prestar o servizo ao que todas e todos temos dereito. Iso é o que dende o BNG lle demandamos á Xunta de Galicia, que é a responsable, e ao seu paladín en Ribadeo”.