Ribadeo vibra co jazz e a música moderna cun curso que aposta pola calidade e a proximidade

A música volverá tomar Ribadeo esta primeira fin de semana de xullo coa celebración do XIII Curso de Jazz e Música Moderna, unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural Bruar que aposta por achegar este estilo a músicos de diferentes niveis e idades. O curso desenvolverase do 4 ao 6 de xullo en horario de mañá e tarde, cun enfoque práctico, reducido e personalizado.
Rubén Solloso, presidente de Bruar e coordinador do obradoiro, subliña que “é un curso que mantemos con moito esforzo, xa que o jazz non é tan popular como outros xéneros, pero cremos que é moi enriquecedor e por iso loitamos por darlle continuidade”. A organización conta cun equipo docente de alta cualificación que impartirá clases en distintas especialidades: Sergio González en batería, Pablo Castaño na sección de vento, Felipe Villar en guitarras e baixos, Cristina Montull en piano e Ángeles Dorrio en canto.
O formato reducido permite unha atención case individualizada. “Normalmente contamos cun máximo de 30 alumnos, e iso permite que cada profesor poida traballar con calma, adaptándose ás necesidades de cada persoa”, explica Solloso. “É un curso de iniciación, pero recomendámoslle ao alumnado que teña polo menos uns 4 ou 5 anos de práctica co instrumento para sacarlle verdadeiro proveito”, engade.
Os prezos de matrícula varían segundo o perfil do participante: 60 euros para socios de Bruar, 70 euros para alumnado da Escola de Música de Ribadeo e 80 euros para o público en xeral. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 2 de xullo e as persoas interesadas poden contactar directamente co coordinador no teléfono 677 734 084.
Como colofón, o curso pecharase cun concerto de clausura aberto ao público o domingo 6 ás 19:30 horas na praza Pancho Maseda, ao carón do Concello de Ribadeo.
O evento atrae tanto alumnado local como doutros puntos de Galicia e Asturias. “Veñen persoas de Ribadeo, Foz, Burela ou Vegadeo, pero tamén temos participantes de Santiago, Coruña ou Oviedo”, destaca Solloso, quen anima a toda a comunidade musical a vivir unha experiencia de formación e convivencia nun ambiente inspirador.