Ribadeo transforma o Parque dos Indianos cunha reforma integral financiada pola Xunta

O Parque dos Indianos de Ribadeo encara unha nova etapa coa posta en marcha dun proxecto de mellora integral que conta co financiamento ao 100 % da Xunta de Galicia. O alcalde, Dani Vega, anunciou o inicio das obras, subliñando que se trata dunha intervención necesaria “para recuperar unha zona que levaba tempo en estado de abandono”.
Un dos cambios máis visibles será a conversión do antigo calexón de terra nunha rúa con pavimento de formigón e beirarrúas de pedra. Xunto a iso, o goberno local acometerá a substitución das baldosas de pizarra danadas, empregando materiais da mesma tipoloxía para manter a identidade do espazo.
O proxecto tamén contempla unha escavación destinada a retirar a tubaxe en mal estado e substituíla por condutos de PVC, co obxectivo de canalizar correctamente as augas pluviais. Ademais, prevese a retirada das pérgolas deterioradas e a colocación de novas estruturas, así como a mellora do conxunto da zona verde.
Vega asegurou que esta actuación non será un feito illado, senón “o inicio dun compromiso máis amplo co mantemento e conservación dos espazos públicos”. Segundo destacou, “é positivo investir en melloras, pero igual de importante é coidar e preservar o que temos, evitando gastos repetitivos de diñeiro público”.