Ribadeo, Trabada e Barreiros, primeiros concellos en estrear o modelo enerxético de RDG

AMariñaXa
Lorenzana anuncia descontos do 80 % na factura eléctrica para fogares próximos ao parque eólico de Mondigo
Lorenzana-Mondigo-ruben-garcia-dani-vega-ana-ermida-2026
20 Feb 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, afirmou hoxe que o cen por cento da enerxía que xestione Recursos de Galicia (RDG) reverterá no territorio galego, unha premisa que definiu como a base da nova política eólica impulsada polo Goberno autonómico.

Lorenzana fixo un chamamento ao resto de promotores do sector para que adopten este modelo e o estendan ao conxunto da comunidade. Segundo explicou, RDG nace co obxectivo de aproveitar o recurso natural de Galicia para xerar un diferencial competitivo que redunde directamente na cidadanía e no tecido produtivo.

A titular de Economía realizou estas declaracións tras manter unha xuntanza cos alcaldes de Ribadeo, Trabada e Barreiros, municipios que se beneficiarán dunha bonificación no consumo eléctrico grazas á adquisición por parte de RDG do parque eólico Mondigo.

A medida contempla unha redución do 80 % na factura eléctrica para os veciños que residan nun radio de 1,8 quilómetros arredor do parque. Ademais, a Xunta está a traballar nun plan industrial paralelo que permita tamén aliviar os custos enerxéticos das empresas situadas na contorna.

A conselleira explicou que o radio establecido responde a criterios de viabilidade económica e á intención de abranguer parroquias ou núcleos completos. Neste proceso, destacou o papel dos concellos, aos que definiu como os mellores coñecedores do territorio, tanto para delimitar os beneficiarios como para facilitar o acceso á tramitación.

O desconto poderá solicitarse a través da páxina web rdgmondigo.gal, que se atopa xa practicamente lista para a súa posta en marcha. Aínda que o dereito á bonificación se recoñece polo simple feito de residir dentro da zona establecida, será preciso formalizar a solicitude e achegar as doce últimas facturas eléctricas para completar o procedemento.

Segundo avanzou Lorenzana, a previsión é que o sistema estea plenamente operativo nun prazo máximo de seis meses, aínda que o Executivo traballa para acurtar ese calendario. Unha vez recoñecido o dereito, o desconto devengarase desde ese momento, con independencia da comercializadora coa que cada fogar teña contratado o subministro.

A conselleira asegurou que percibe unha actitude de colaboración por parte dos tres municipios implicados e amosou a súa confianza en que este proxecto marque o inicio dunha nova etapa na política eólica galega.

⚙ Configurar cookies
0.07365083694458