Ribadeo, Trabada e Augas de Galicia únense na Mesa da Auga
Acordo dos Concellos de Ribadeo e de Trabada e Augas de Galicia para proceder á renovación do abastecemento de auga. Foi acadado no Salón dos Alcaldes no transcurso da xuntanza da Mesa da Auga.
O alcalde, Dani Vega, declarou que “na Mesa da Auga acordáronse certas cuestións, todas de importancia, para poñerlle solución ao abastecemento da auga. Por parte da Xunta, de Augas de Galicia e concretamente do seu director, explicóusenos o proxecto de renovación de toda a tubaxe que ven de Vilarbetote, e ten chegada a Ribadeo, e explicounos todo o proxecto, toda a inversión, que é moi importante e tamén o que ía aportar a Xunta de Galicia. Neste caso son 7,5 millóns de euros, cantidade que evidentemente garante a obra”.
O rexedor explicou que “tamén por parte de Trabada o Concello expuxo a súa proposta, a súa colaboración para que esta inversión poida ser realizada, e desde logo nosoutros agradecemos ese compromiso, non da achega económica porque non poden, pero si para chegar a ese entendemento, a ese convenio co Concello amigo de Trabada. Tamén o Concello de Ribadeo adquiriu un maior compromiso xunto coa Xunta de Galicia de aportar en principio o 20%, pero as portas están abertas e desde logo agardamos esa colaboración por parte da Deputación de Lugo”.
Para o alcalde ribadense “é unha obra fundamental, é unha obra prioritaria. Nosoutros sempre o dixemos desde que estamos xestionando os recursos ribadenses, que o abastecemento da auga era un problema. Non de agora, senón de todo este período tan largo democrático, que xa ven dando problemas a auga. E había que poñerlle unha solución. Está moi ben analizar ou describir o problema, pero o que é importante é poñerlle esa solución. E iso supón facer un proxecto, que fixo a Xunta de Galicia, concretamente Augas de Galicia, e aportar un orzamento, é dicir xestionar ante a Xunta de Galicia eses 7,5 millóns de euros e garantir con ese 20 %, que de momento vai aportar Ribadeo, pero recalco as portas abertas para que a Deputación tamén colabore”.
Dani Vega engadiu: “ esta reunión da Mesa da Auga foi moi importante porque é o segundo paso, primeiro foi a xestión, e agora son os compromisos e no próximo pleno do 28 de xaneiro Ribadeo xa levará a proposta de convenio de colaboración entre a Augas de Galicia e os Concellos de Trabada e Ribadeo para levar a cabo esta inversión tan importante”.