Ribadeo súmase á limpeza de praias e fondos mariños con voluntariado submarino

O vindeiro domingo 8 de xuño, o porto de Ribadeo converterase nun punto estratéxico de defensa ambiental. A partir das 11:30 da mañá, o Club de Buceo Costa Lugo coordinará unha nova xornada de limpeza de praias e fondos mariños, coa colaboración de mergulladores e voluntariado chegado de diferentes puntos da provincia.
Trátase dunha iniciativa que combina o coidado ambiental coa solidariedade, e que forma parte dunha rede internacional activa desde 2013 na loita contra a contaminación mariña. Desde a súa creación, esta rede ten logrado retirar centos de toneladas de residuos dos mares, grazas á implicación de máis de 2.000 mergulladores e voluntarios en terra. A acción chegou xa a países como Colombia, Brasil, México, Perú ou Cabo Verde.
A xornada de Ribadeo está aberta á participación de toda a cidadanía. Segundo a organización, os residuos que se recollan serán posteriormente trocados por quilos de alimentos, que se entregarán á Federación Española de Bancos de Alimentos. “É a sexta edición consecutiva que vinculamos o ambiental co social”, sinalan dende o Club Costa Lugo, subliñando o valor dunha actividade que “non só reduce o impacto dos refugallos na biodiversidade mariña, senón que tamén axuda ás persoas que máis o precisan”.
A actividade conta co apoio do Concello de Ribadeo e con patrocinadores como Ecoembes, SEO/BirdLife, Pescanova ou Fundación Reina Sofía, entre outras entidades comprometidas coa sustentabilidade. Desde a organización, insisten na importancia de visibilizar o problema dos lixos mariños, e animan á xente a achegarse ou a colaborar a través do correo electrónico cascostalugo@gmail.com.
“Actuar localmente é pensar globalmente”, lembran os impulsores desta campaña, convencidos de que accións como a de Ribadeo poden contribuír a concienciar, educar e mobilizar á sociedade ante unha ameaza cada vez máis urxente: a degradación dos nosos océanos.