Ribadeo subasta por terceira vez dous inmobles no casco vello e con vistas á ría

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
15 sep 2019

O Concello de Ribadeo volve sacar a subasta, e faino por terceira vez, os dous inmobles da súa propiedade sitos na rúa Bispo Veres, números 2 e 4, segundo anunciou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez Barcia. O prezo de saída do edificio nº 2 será de 31.000 euros e o do nº 4 será de 47.000 euros. As persoas interesadas en facerse con algún deles teñen menos de 45 días naturais para presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratos do Estado. 

O rexedor explicou que “novamente desde o Concello de Ribadeo volvemos publicar un anuncio na Plataforma de Contratos do Estado para subastar estes bens inmobles de titularidade municipal que foron inmatriculados a nome do Concello en xaneiro de 2017. Ao non facerse cargo deles ningún dos supostos herdeiros o Concello iniciou daquela un proceso de inmatriculación; é dicir, xa que non eran de ninguén que sexan do Concello. E agora queremos subastalos”.

Suárez Barcia lembrou que “son dous edificios antigos, que están en pleno casco histórico do concello, dunhas dimensións xenerosas cada un deles e que están situados nunha zona cunhas vistas impresionantes do casco vello e tamén da ría de Ribadeo”.

O alcalde contou que “sacámolos a subasta agora, por terceira vez, cun prezo de saída de 31.000 euros máis IVE para o inmoble de Bispo Veres número 2 e cun prezo de 47.000 euros máis IVE para o inmoble de Vispo Veres número 4. O prazo de presentación de ofertas para os interesados é de 45 días naturais a contar desde o pasado xoves e todos aqueles interesados ou interesadas, tanto persoas físicas como xurídicas, deberán presentar as súas ofertas electronicamente. Se queren para ter máis información poden acudir ao Concello e mirar como funciona a administración electrónica”.

Fernando Suárez engadiu: “polo tanto quero convidar a todo o mundo, de Ribadeo ou de fóra, porque penso que teñen unha oportunidade moi boa para facerse con algún destes inmobles, ou cos dous, porque están nunha zona moi importante de Ribadeo, no casco vello e cunhas vistas impactantes, e en todo caso é vocación do Concello subastalos e con ese diñeiro seguir facendo actuacións de interese público”.

0.18989515304565