Ribadeo solicita a Portos de Galicia actuacións urxentes en Mirasol e Rinlo

O Concello de Ribadeo vén de trasladar a Portos de Galicia a necesidade de acometer melloras nas infraestruturas portuarias de Mirasol e Rinlo. Así o solicitou o alcalde, Dani Vega, durante unha reunión celebrada nas últimas horas co presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o responsable da área de infraestruturas portuarias.
O rexedor explicou que no encontro puxeron sobre a mesa diversas demandas para o porto de Mirasol, centradas especialmente na renovación do firme da zona máis vinculada á actividade comercial, unha área cun acceso restrinxido ao tráfico pero esencial para a circulación de camións. Ademais, o Concello tamén propón actuar na mellora do acceso principal e da iluminación, coa intención de avanzar cara a unha maior eficiencia enerxética.
No que respecta a Rinlo, Vega detallou que, aínda que o propio Concello levou a cabo traballos de aglomerado na contorna portuaria, agora solicita a Portos de Galicia a substitución do actual pavimento de adoquín, deteriorado polo uso e polas condicións climáticas. Esta intervención coincide coa retirada dos colectores soterrados, que están a provocar continuas avarías e custos elevados para o municipio. Segundo explicou, a decisión conta co respaldo dun informe técnico municipal que recomenda a súa eliminación.
Co obxectivo de dotar a zona dunha maior funcionalidade, o Concello ten previsto acondicionar un novo espazo para os contedores, renovar as beirarrúas actualmente en mal estado e conservar a varanda do recinto portuario, que forma parte do seu carácter tradicional.
O alcalde salientou que estas peticións levan tempo enriba da mesa, mais comezaron por actuacións prioritarias, como a intervención na rúa Buenos Aires, xa en proceso. "Agora é o momento de centrarnos nos portos, que tamén son esenciais. Mirasol é clave para o tránsito pesado, mentres que Rinlo, cunha forte identidade mariñeira e cunha enorme proxección turística, require investimentos que garantan o seu coidado e posta en valor", declarou Vega.
O mandatario local concluíu asegurando que o Concello continuará a buscar financiamento para que Ribadeo continúe mellorando as súas infraestruturas e servizos: "Seguimos traballando para que o noso concello avance".