Ribadeo será a sede do Agrobiodiversity Summer School de Galicia
Ribadeo será sede do prestixioso Agrobiodiversity Summer School, que se celebrará o vindeiro ano en Galicia.
A Agrobiodiversity Summer School é unha colaboración entre o grupo de investigación ZHAW Geographyof Food, o Swiss Research Institute of Organic Agriculture (FiBL), a Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación HISTAGRA, o CISPAC e institutos de investigación de Eslovenia e Hungría, nos que terá lugar o curso os próximos anos.
A través desta Escola Internacional de Verán atenderanse ás diferentes perspectivas ao redor da agrobiodiversidade e a súa contribución á sustentabilidade e á resiliencia dos sistemas alimentarios. En pequenos grupos de estudantes, e grazas a expertos internacionais e produtores agroecólogos, as persoas participantes no curso terán a oportunidade de investigar en profundidade os retos e desafíos dos sistemas de produción locais existentes e como a cadea alimentaria está conectada coa agrobiodiversidade.
A agrobiodiversidade inclúe a diversidade de cultivos e especies e variedades gandeiras, a diversidade de sistemas de produción e abastecemento de alimentos, así como as diferentes prácticas e intensidades agrícolas e a biodiversidade que apoia indirectamente a agricultura mediante a provisión de servizos ecosistémicos. Polo tanto, a agrobiodiversidade é esencial para os manexos da terra adaptados localmente e resilientes en todo o mundo e, en última instancia, contribúe á consecución de varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Entre os docentes cos que contará a Agrobiodiversity Summer School están Lourenzo Fernández Prieto e David Soto, ambos da USC, Manuel González de Molina e Gloria Guzmán, da Universidade de Pablo de Olavide, e Bernadette Oehenand Grüter Roman do Swiss Research Institute of Organic Agriculture (FiBL). Á vez contarase coa participación de labregos agroecoloxicos de Ribadeo ou experiencias como Eo Alimenta, a primeira estratexia alimentaria participativa de Galicia, que se está desenvolvendo este anos na bacia alimentaria do río Eo.
A Agrobiodiversity Summe rSchool consta dunha fase preparatoria e unha semana de estudo de 10 días. Na fase preparatoria (abril-agosto de 2022) a persoa participante do curso estudará un aspecto fundamental da agrobiodiversidade e realizará un estudo de caso relacionado coa agrobiodiversidade local do seu país de orixe ou lugar de estudo. E posteriormente terá lugar a semana de estudo de 10 días entre Santiago de Compostela e Ribadeo do 31 de agosto ao 10 de setembro. Despois de completar con éxito o curso, o alumno recibirá 4 ECTS. O custe é de 250 euros e inclúe aloxamento, comida e excursións; mais para as viaxes de ida e volta serán os propios participantes os responsables de organizalas.
Calquera persoa interesada en participar na Agrobiodiversity Summer School 2022, debe completar o formulario de solicitude que se atopa neste link https://www.zhaw.ch/de/lsfm/institute-zentren/iunr/environmental-and-agrofood-systems/geography-of-food/agrobiodiversity-summer-school/ enviándoo por correo electrónico ata o 6 de febreiro de 2022 a: gof.iunr@zhaw.ch
A escola de verán está dirixida principalmente a estudantes matriculados nun programa de máster relacionado coas ciencias agrarias, medio ambiente, tecnoloxías de alimentos, desenvolvemento rural, ou de avaliación da sustentabilidade. Os estudantes de grado tamén están invitados a postularse, mais daráselles unha segunda prioridade. O número de participantes está limitado a 30 persoas. A finais de febreiro de 2022 se lles informará se poden participar na escola de verano.
Para calquera dúbida poden contactar con gof.iunr@zhaw.ch ou histagra@usc.es para calquera pregunta relacionada coa Agrobiodiversity Summer School 2022. Máis información en https://www.zhaw.ch/de/lsfm/institute-zentren/iunr/environmental-and-agrofood-systems/geography-of-food/agrobiodiversity-summer-school/