Ribadeo retoma o programa “Preto de Ti” con novas charlas para mellorar a saúde e a prevención no fogar

O Concello de Ribadeo vén de anunciar o regreso do programa “Preto de Ti”, unha iniciativa dirixida a promover hábitos de vida saudables e o coidado persoal entre a veciñanza. Nesta nova edición, que se desenvolve baixo o lema “Aprende e mellora a túa saúde”, o programa inclúe unha serie de charlas prácticas centradas na prevención de accidentes domésticos, o coidado do fogar e os primeiros auxilios básicos.
A primeira sesión terá lugar o 5 de novembro en Ribadeo, ás 18:00 horas. Posteriormente, o ciclo continuará o día 6 en Cedofeita (16:00 h), o 10 en Cinxe (16:00 h) e o 11 en Vilaselán (18:00 h). Todas as sesións estarán impartidas pola enfermeira María Roel, do Departamento de Benestar Social, Saúde e Familia.
A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, explicou que o programa retoma as súas actividades formativas para axudar á cidadanía a coñecer mellor como coidar a súa saúde no día a día. “O lema desta edición, Aprende e mellora a túa saúde, reflicte perfectamente o espírito do programa —afirmou Sierra—, porque o coñecemento é o primeiro paso para facer cambios positivos e reflexionar sobre os nosos estilos de vida”.
Durante as charlas, abordaranse situacións cotiás no fogar que poden supoñer un risco, como queimaduras, atragantamentos, caídas ou intoxicacións provocadas por produtos de limpeza, e ofreceranse consellos sinxelos e prácticos sobre como actuar nestes casos. O obxectivo, segundo destacou Sierra, é que as persoas asistentes poidan aprender a previr accidentes e reaccionar con calma e eficacia ante emerxencias comúns.
A concelleira tamén subliñou que este tipo de iniciativas permiten achegar a educación sanitaria a todas as parroquias, favorecendo que o coñecemento chegue a toda a poboación, especialmente ás persoas maiores ou ás que viven soas. “O benestar comeza por coidarse un mesmo —sinalou—. Ter unha boa calidade de vida na casa é esencial, e estas charlas son unha oportunidade para aprender e compartir experiencias”.
Desde o Concello lembran que o programa “Preto de Ti” busca fomentar a autonomía persoal, a prevención e a responsabilidade na saúde, ofrecendo espazos participativos nos que a veciñanza pode resolver dúbidas e recibir orientación profesional.
“Elas e eles son os verdadeiros protagonistas —concluíu Sierra—. O noso propósito é que cada persoa se leve para a casa ferramentas útiles que melloren o seu día a día e lles permitan vivir dun xeito máis seguro e saudable”.