Ribadeo reproba, a través dunha carta, a actitude da Xunta que un ano máis deixa a Ribadeo fora do reparto do fondo de compensación ambiental
O alcalde, Fernando Suárez, remitiu cartas ao presidente da Xunta e ao delegado territorial da administración galega en Lugo, en relación ao reparto do Fondo de Compensación Ambiental na provincia do que quedou excluído unha vez máis o Concello de Ribadeo. Na carta enviada, o rexedor sinala que “é por iso que quero transmitirlle de maneira oficial o noso desacordo con tal sectaria decisión tomada por alguén que xestiona fondos públicos, que non son os seus”. Despois de lembrar as 4 solicitudes presentadas nos últimos cinco anos e que foron rexeitadas por non acadar a puntuación suficiente, o rexedor manifesta nese escrito que “esta actitude que teñen con nós traeralles consecuencias o domingo que ven, porque a cidadanía non tolera este tipo de sectarismos. Con todo, quero dicirlle que coa súa axuda ou sen ela, a obra farémola porque nosoutros en vez de dedicarnos a enredar dedicámonos a traballar, que é para o que nos puxeron os nosos veciños”.
O alcalde de Ribadeo quixo “constatar desgraciadamente, outra vez máis, como aos que se lles enche a boca de dicir o moito que axudan a Concellos, como é o caso de Ribadeo, nada máis lonxe da realidade. Unha cousa é predicar e outra cousa é dar trigo. Para isto o resultado que anuncia a bombo e platillo o señor Balseiro de axudas a Concellos da provincia, menos Ribadeo”.
Fernando Suárez lembrou que “nestes últimos cinco anos, desde o Concello formulamos catro veces, en catro anualidades diferentes, solicitudes de axuda con este Fondo de Compensación Ambiental. No 2015 e no 2018 para mellora do saneamento de Rinlo, porque había un problema que Augas de Galicia nos estaba advertindo que non estaba correcto. No 2017 para adquisición dun vehículo híbrido, e neste 2019 para mellora dp abastecemento de auga. Todas estas veces son rexeitadas por, segundo eles, non ter puntuación abonda”.
Para o rexedor ribadense “non se entende que unha actuación de mellora no abastecemento de Ribadeo, coñecidos os graves problemas que presentou este servizo no noso municipio por ter que asumir lixiviados provocados noutro concello veciño, non acaden a puntuación suficiente para melloras nesta arteria principal”.
Suárez Barcia manifestou que “de maneira institucional quixemos reprobalos nesta actitude demagóxica e propagandista co que moito din que axudan a Ribadeo, pero que na realidade non é máis que seguir marxinando porque nos consideran inimigos, e nosoutros non temos a ningún inimigo. En todo caso os que están na Xunta agora, quizais nun futuro xa non, son adversarios, adversarios lexítimos. Pero esa actitude que están tendo con nós estou seguro que lles vai traer consecuencias o domingo que ven, porque a cidadanía, que afortunadamente é madura en día, non tolera este tipo de sectarismos. Ademais, con todo quero dicirlle que coa falta desa pequena axuda que tampouco era nada doutro mundo, a obra farémola igual, a mellora desta obra nesta acometida de auga, porque nosoutros en vez de dedicarnos a enredar, como fan eles, dedicámonos a traballar, que é para o que nos puxeron os nosos veciños e as nosas veciñas”.