Ribadeo renumera edificios para evitar confusións co reparto de Correos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
24 Out 2019

O Concello de Ribadeo procederá a renumerar os edificios e vivendas tras as moitas queixas recibidas por parte da veciñanza, sobre todo das parroquias, polos problemas acontecidos coa entrega das cartas ordinarias ou certificadas por parte do servizo público de Correos. A partir do 1 de xaneiro de 2020 procederase á implantación da nova numeración realizada polos servizos municipais e ata o 30 de xuño manteranse as dúas numeracións para que se poidan facer as adaptacións procedentes, causando os mínimos prexuízos aos veciños e tratando de evitar devolucións de correspondencia.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, lembrou que “nestes últimos anos estivemos tendo numerosas queixas por parte de veciños deste concello, singularmente das parroquias, pola falta de entrega do correo ordinario ou mesmo certificado por parte do servizo público de Correos. Despois de ter conversas con responsables a nivel provincial deste servizo determinouse que todo isto era debido, por unha banda, por existir unha numeración moi obsoleta que non se adaptaba á realidade das vivendas construídas nestes últimos decenios, e pola outra pola mobilidade do persoal do servizo de Correos, que non é como antes con carteiros de toda a vida que coñecían os lugares aínda que non estiveran ben numerados, pero agora cada vez ven máis persoal que non ter porque saber que un número lle corresponde a ese ou outro destinatario”.

O rexedor explicou que “hai xa uns meses fixemos un traballo enorme. Contratamos unha empresa e fixemos unha renumeración de edificios da vila e do campo, con toda a planimetría nova. Agora, con todo este traballo feito, determinamos que vai haber partes da vila e das parroquias que van cambiar e outras que non o van facer tanto, en función de se nos últimos anos houbo máis movemento edificatorio ou non. Despois de ter unha xuntanza cos responsables de Correos, para facer unha transición ordenada en toda esta nova numeración, determinados que imos dar un prazo de seis meses, desde o 1 de xaneiro de 2020 ata xuño, para manter as dúas numeracións nas portas dos inmobles para aqueles edificios que sufran un cambio de numeración. Isto ven determinado porque non se pode facer un cambio desta magnitude da noite para a mañá. Polo tanto a partir de xuño de 2020 soamente quedará a nova numeración”.

Suárez Barcia dixo que “esta actualización dos números lle corresponderá facela aos propietarios dos inmobles que terán que cambiala e tamén terán que cambiala diante dos organismos ou empresas coas que puidesen ter relación. A maneira de saber se cambia a numeración é, a través da páxina web do Concello onde hai un icono que indica a numeración de edificios e alí poden buscar a parroquia ou núcleo e ver a numeración que lle corresponde. Para todas aquelas persoas que non teñan acceso a internet ou non se manexen correctamente poden vir, sen ningún problema, durante todo este tempo ao Concello que serán atendidos de xeito presencial polos funcionarios que lles indicarán que numeración lles corresponde”.

O alcalde engadiu que “vai haber partes do concello que non teñen un cambio significativo e outras que si o van ter. Polo tanto pedimos a máxima colaboración tanto dos axentes implicados como dos propios veciños e veciñas co obxecto de causar os mínimos prexuízos posibles, e resolver de xeito definitivo esta problemática creada nestes últimos tempos con esta numeración dos inmobles e o reparto de correspondencia, que realmente nalgúns momentos era terrible porque as cartas non chegaban aos seus destinatarios. Entendemos que despois deste proceso, que sempre trae algunhas molestias e complicacións, quedará o concello totalmente renumerado para os próximos decenios”.

0.12151908874512