Ribadeo renova o equipamento da escola infantil cun investimento de 20.000 euros

AMariñaXa
O Concello substitúe o mobiliario deteriorado e anuncia novas xestións ante a Xunta para continuar mellorando o centro educativo
261021-Foto-Concello-Ribadeo
5 Nov 2025

O Concello de Ribadeo vén de completar unha importante mellora na súa escola infantil coa renovación do equipamento, unha actuación que contou cun investimento de 20.000 euros. A intervención permitiu substituír o mobiliario deteriorado e renovar armarios, mesas e cadeiras, co obxectivo de ofrecer un espazo máis seguro, funcional e adaptado ás necesidades do alumnado e do persoal educativo.

O alcalde, Dani Vega, explicou que esta actuación forma parte dun proceso continuo de actualización das instalacións municipais. “Seguimos xestionando orzamento e solicitando subvencións á Xunta, e pouco a pouco imos atendendo necesidades moi importantes. Neste caso tratábase do equipamento da escola infantil, cuxos armarios estaban apolillados e xa non se podían utilizar. Agora xa contamos con novo mobiliario, moderno e seguro”, sinalou o rexedor.

Vega lembrou que esta mellora se suma ás actuacións realizadas recentemente no mesmo centro e destacou o compromiso da administración autonómica coa seu financiamento: “Desde o ano 2024 ata hoxe, o investimento total da Xunta de Galicia na escola infantil de Ribadeo ascende xa a 100.000 euros”, precisou.

O alcalde engadiu que o Concello manterá esta liña de traballo coa vista posta en novas melloras. “Imos seguir solicitando máis axudas, porque seguimos vendo que hai cousas que se poden mellorar. Hoxe mesmo tivemos unha reunión coa dirección e co persoal da escola para detectar necesidades e trasladalas á Xunta. Pouco a pouco estamos solucionando problemas, xestionando investimentos e facendo que Ribadeo avance”, concluíu Vega.

Con esta renovación, a escola infantil de Ribadeo reforza o seu compromiso coa calidade educativa e co benestar dos nenos e nenas, consolidándose como un referente de ensino público moderno e ben dotado na comarca.

⚙ Configurar cookies
0.07196307182312