Ribadeo renova espazos clave coa mellora da rúa Illa Pancha e do Parque de San Miguel

AMariñaXa
As intervencións, financiadas integramente pola Xunta de Galicia, permitiron actuar en zonas degradadas e recuperar espazos públicos para o uso veciñal e turístico
Ribadeo-rua-Illa-Pancha-obras
18 Jul 2025

O Concello de Ribadeo vén de completar dúas actuacións de mellora urbana en espazos emblemáticos da vila: a rúa Illa Pancha e o Parque de San Miguel. As obras, que contaron cun financiamento do 100 % por parte da Xunta de Galicia, permitirán, segundo o goberno local, dignificar o entorno, facilitar o acceso e incrementar a seguridade en zonas que presentaban un acusado deterioro.

No caso da rúa Illa Pancha, tratábase dunha demanda histórica da veciñanza, segundo explicou o alcalde, Dani Vega: “Todos sabiamos o estado no que se atopaba e, tras escoitar aos veciños, decidimos priorizar esta actuación. Xestionamos o orzamento diante da Xunta e levouse a cabo unha obra moi necesaria, que presta servizo a toda a contorna, incluída a estación de autobuses”. A intervención centrouse principalmente na renovación do pavimento e na posta a punto dunha vía moi transitada.

A segunda actuación tivo lugar no Parque de San Miguel, un espazo verde con vistas privilexiadas á ría de Ribadeo. “Rematamos tamén esta obra, igualmente financiada pola Xunta. A intervención consistiu en dotar de seguridade todo o perímetro, mellorar os accesos dende a estrada do Cargadeiro, e colocar unha soleira de pedra que facilita a conexión coa área verde”, sinalou Vega.

O rexedor puxo en valor o investimento nun parque que cualificou como “un lugar idílico que debemos conservar entre todos”. Subliñou ademais a importancia de que tanto a administración como os propios veciños colaboren no coidado deste tipo de espazos: “A administración ten que garantir o mantemento, pero tamén a cidadanía debe implicarse na súa conservación”.

Segundo o alcalde, estas melloras son froito dun proceso de escoita activa e de xestión directa dos fondos públicos: “Actuamos en zonas moi deterioradas, e agora, grazas a esta colaboración institucional, seguimos facendo que Ribadeo avance”.

⚙ Configurar cookies
0.14111614227295