Ribadeo renova as portas da praza de abastos e avanza na súa modernización

AMariñaXa
O Concello destaca a colaboración coa Xunta e cos praceiros para mellorar as instalacións e a limpeza do mercado
praza-abastos-ribadeo
24 Feb 2026

O Concello de Ribadeo continúa coa posta ao día da praza de abastos cunha nova intervención centrada na substitución das portas do edificio. A actuación, realizada coa colaboración da Xunta de Galicia, permitiu retirar os accesos anteriores, que rexistraban constantes avarías, e instalar sistemas máis resistentes e adaptados ao uso comercial.

O alcalde, Dani Vega, explicou que as antigas portas xeraban incidencias frecuentes e obrigaban a continuas reparacións. As novas, segundo indicou, están preparadas para soportar unha maior intensidade de uso, o que reducirá problemas técnicos e mellorará o funcionamento diario do mercado. Ademais das portas automáticas, tamén se substituíron as de peche tipo verxa, que presentaban un avanzado estado de deterioro, por outras de forxa máis sólidas.

O rexedor puxo en valor o traballo coordinado cos praceiros, salientando que esta renovación é froito da colaboración constante entre o Concello e os vendedores. Neste proceso tamén se implantou un novo sistema de recollida diaria de lixo, eliminando os colectores do exterior e habilitando recipientes individuais para cada posto, unha medida que contribúe a manter o entorno máis limpo e ordenado.

Dende o goberno local recoñécese que aínda quedan actuacións pendentes para seguir mellorando a estrutura do edificio, pero sublíñase que as intervencións realizadas supoñen avances significativos na conservación e posta en valor dun espazo emblemático da vila.

0.079107046127319