Ribadeo renova a zona de Recarei e mellora as rúas do Cemiterio e Irmáns Moreno Ulloa

AMariñaXa
O Concello anuncia novas actuacións para recuperar parcelas municipais en estado de abandono
261021-Foto-Concello-Ribadeo
29 Apr 2025

Ribadeo continúa avanzando na mellora das súas infraestruturas urbanas. O alcalde, Dani Vega, anunciou a finalización das obras realizadas na contorna de Recarei e nas rúas do Cemiterio e Irmáns Moreno Ulloa, destacando a importancia de coidar e actualizar o patrimonio existente.

Segundo explicou o rexedor, na rúa do Cemiterio acometeuse a renovación completa da beirarrúa fronte á clínica veterinaria, que se atopaba en mal estado. "Fundiuse e arranxouse toda a beirarrúa, mellorouse a rampla para persoas con mobilidade reducida e rehabilitáronse todos os hitos que estaban deteriorados, ademais de pintalos e acondicionalos", indicou Vega. Ademais, procedeuse á limpeza integral da vía, retirando a sucidade acumulada nas beirarrúas mediante un proceso de decapado.

As actuacións tamén chegaron á zona próxima ao restaurante O Cabazo, seguindo a estratexia do Concello de fomentar a accesibilidade e revitalizar os espazos públicos. Dani Vega incidiu en que a intervención supuxo unha mellora notable para un espazo que presentaba claros síntomas de abandono.

O alcalde avanzou que xa se está a estudar a recuperación dunha parcela municipal situada na esquina xunto aos contedores, que leva anos sen uso nin mantemento. “Dentro deste plan de mellora, imos activar novas actuacións para darlle vida a esa parcela, transformándoa nun espazo útil para a veciñanza”, adiantou.

Vega subliñou que, para o seu goberno, "non abonda con atraer investimentos, senón que tamén é esencial conservar o que xa temos. Se non se fai, corremos o risco de ver como rúas e edificios se deterioran co paso do tempo". Con este tipo de accións, o Concello reafirma o seu compromiso de seguir investindo na mellora de Ribadeo, garantindo a súa evolución e calidade urbana.

⚙ Configurar cookies
0.13566994667053