Ribadeo renderá homenaxe o día 31 ás vítimas do franquismo
O vindeiro xoves, 31 de marzo, o Concello colocará 40 adoquíns en homenaxe ás vítimas do franquismo. Formará parte das máis de 75.000 que a Fundación Stolpersteine leva postas desde 1997 en 20 países en toda Europa. Ribadeo será o primeiro Concello de Galicia en contar con este recoñecemento. O acto terá lugar á unha da tarde no parque de San Francisco.
O rexedor subliñou que “o Concello de Ribadeo vai lembrar a 40 homes e mulleres que naceron, viviron e/ou traballaron ou tiveron vinculación con Ribadeo, os cales foron asasinados, paseados, fusilados ou mortos, vítimas da represión franquista durante a guerra e a posguerra”.
Este acto será aberto a toda a cidadanía e contará tamén coa presenza de familiares dos represaliados. Tamén estará en Ribadeo o fundador deste proxecto, Gunter Demnig, que se achegará para colocar estas primeiras pedras, sendo Ribadeo o primeiro Concello de Galicia en contar con este tipo de recoñecemento.
O alcalde explicou que “o obxectivo desta homenaxe é romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes cometidos durante o franquismo. Coa colocación destas Pedras da Memoria, estas vítimas recuperarán o seu lugar na mente e no corazón dos ribadenses e de todas as persoas que se acheguen aquí, porque unha serie de pedras se colocarán onde se ten a certeza que estas persoas viviron ou traballaron inxustamente asasinadas”.
E engadiu: “ademais do acto de colocación das Pedras da Memoria, terá lugar a proxección dun audiovisual producido polo Concello de Ribadeo no que se recollen algunhas das historias destes represaliados contadas polos seus familiares. En definitiva, preservar a Memoria Histórica como un ben social moi prezado forma parte da nosa responsabilidade, é un dereito e, á súa vez, unha fonte de coñecemento e aprendizaxe para que estes tristes episodios nunca máis se repitan”.