Ribadeo remata as obras de mellora no local social de Noceda

AMariñaXa
O Concello acondicionou a contorna do edificio con unha rampla de formigón e un novo espazo multifuncional
Ribadeo-local-social-Noceda
29 Sep 2025

O Concello de Ribadeo vén de finalizar as obras de mellora no local social de Noceda, cun proxecto que se centrou principalmente na súa contorna exterior. Os traballos incluíron a construción dunha rampla de formigón para facilitar a accesibilidade ao inmoble e o acondicionamento da parcela adxacente, convertida agora nun espazo polivalente que poderá empregarse tanto para actividades veciñais como para uso de aparcadoiro.

O alcalde, Dani Vega, destacou que a intervención supón un paso adiante na posta en valor deste edificio de uso social, sinalando que “estas actuacións permiten dotar á parroquia de mellores instalacións, ao tempo que se crean opcións para dinamizar a vida comunitaria”. O rexedor subliñou tamén que esta obra forma parte dun plan máis amplo co que o goberno municipal pretende mellorar os diferentes locais sociais do municipio.

Vega apuntou que queda pendente actuar no interior do inmoble, co obxectivo de continuar a súa modernización e de facilitar que poida acoller diversas actividades. O alcalde lembrou que recentemente os veciños de Noceda organizaron unha comida de confraternidade nas instalacións e asegurou que o Concello seguirá apoiando iniciativas deste tipo, que fomentan a convivencia e a participación cidadá.

Segundo explicou, trátase dunha mellora que responde ás demandas veciñais e que reforza o compromiso municipal coa dinamización do rural. “Con estas obras avanzamos nun proxecto compartido cos veciños, facendo realidade propostas que xorden directamente deles”, sinalou Vega, quen insistiu en que o obxectivo é seguir reforzando os espazos de encontro social en cada parroquia do concello.

⚙ Configurar cookies
0.090387105941772