Ribadeo reforza a súa colaboración coas entidades sociais e incorpora por vez primeira a Proxecto Home

AMariñaXa
O Concello destina preto de 15.000 euros en subvencións nominativas para apoiar o labor de colectivos que traballan pola inclusión e o benestar
RIBADEO-firma-subvencions-nominativas-sociais-2025
4 Sep 2025

O Concello de Ribadeo asinou os convenios de subvencións nominativas coas entidades sociais que operan no municipio e na súa contorna. Este ano a novidade está na incorporación de Proxecto Home, que recibirá por primeira vez colaboración económica da administración local.

O alcalde, Dani Vega, explicou que estes acordos buscan “respaldar o labor de asociacións que se ocupan e preocupan polas persoas”, entre as que citou A Mariña Cogami, centrada na promoción do benestar físico e motor das persoas con discapacidade; a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, que atende a familias en risco de exclusión e se encarga, ademais, da tradicional cestiña dos arrolos para os recentemente nados censados no municipio; ou a Fundación Edes, que promove a integración a través da acción social e da agricultura inclusiva.

O rexedor destacou tamén a colaboración habitual con Cruz Vermella, Cáritas e Educando en Familia, entidade dedicada ao acompañamento educativo de múltiples fogares. “Este ano damos un paso máis coa entrada de Proxecto Home, unha organización que coida da persoa con atención integral, especialmente de quen sofre problemas de adicción ou exclusión”, engadiu Vega.

En total, o Concello de Ribadeo destina preto de 15.000 euros a estas achegas, cun obxectivo común: reforzar o tecido social e apoiar o traballo de colectivos que, día a día, melloran a calidade de vida da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.14842009544373