Ribadeo reforza a seguridade con tres novas cámaras de vixilancia

AMariñaXa
O sistema permitirá controlar o tráfico, as infraccións e os actos vandálicos
Ribadeo-camaras-seguridade-rua-2025
21 Mar 2025

O Concello de Ribadeo instalou recentemente tres cámaras de vixilancia de alta resolución co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e cidadá. Segundo explicou a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, trátase dunha medida prioritaria para garantir o benestar da veciñanza e dos visitantes.

"Damos un paso máis para que o comercio e os viandantes da vila se sintan máis seguros, algo que levan demandando desde hai tempo", destacou Seijo. As novas cámaras están equipadas cun sistema de detección automática de matrículas conectado coa DXT, o que permitirá un maior control do tráfico e contribuirá á redución de infraccións e delitos.

O centro de control, xestionado pola Policía Local, poderá visualizar as imaxes en tempo real e gardar os rexistros das gravacións. Ademais, nos próximos días instalaranse carteis informativos para advertir da presenza das cámaras. "Este sistema estará un tempo en proba para verificar o seu bo funcionamento. Estamos convencidos de que será unha medida disuasoria fronte aos actos vandálicos", concluíu Seijo.

⚙ Configurar cookies
0.099194049835205