Ribadeo reforza a coordinación institucional para avanzar na igualdade e combater a violencia machista

Ribadeo acolleu unha nova sesión de traballo da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e do Consello Municipal de Mulleres, dous órganos clave para a colaboración entre administracións públicas, forzas de seguridade, centros educativos e o movemento asociativo no ámbito da igualdade. A xuntanza serviu para facer balance das actuacións recentes e avanzar na planificación das próximas iniciativas centradas na prevención da violencia machista e na promoción dunha igualdade efectiva.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que estes encontros permiten “avaliar de maneira continua as políticas municipais en igualdade, compartir información entre os distintos axentes implicados e mellorar a coordinación para dar respostas máis eficaces”. Durante a sesión analizáronse as actividades impulsadas polo Área de Igualdade ao longo do último trimestre e perfilouse a programación prevista para os vindeiros meses, cunha atención especial á conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres.
Entre as accións previstas, Sanjurjo destacou a posta en marcha de obradoiros educativo-sexuais nos centros de ensino a través do programa O Concello cos Coles, así como a convocatoria do II Certame de Fotografía Que é para ti a Igualdade?. A axenda complétase con xornadas formativas centradas na corresponsabilidade como elemento esencial para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, e coa representación teatral do Grupo de Teatro do Noroeste, Manual de Patronaxe, que se celebrará o propio 8M tras a manifestación feminista.
A edil subliñou que “estas xuntanzas van máis alá do ámbito institucional, porque son espazos de compromiso compartido nos que Ribadeo reafirma que a igualdade é unha prioridade política e social, e que fronte á violencia machista non cabe nin a inacción nin o silencio”.
Desde o Concello insístese na necesidade de manter activos estes foros de diálogo e cooperación, considerados ferramentas fundamentais para avanzar cunha estratexia común na defensa dos dereitos das mulleres e na construción dun municipio máis igualitario e seguro.