Ribadeo reforza a conservación viaria cun investimento de 100.000 euros

O Concello de Ribadeo vén de iniciar unha nova campaña de mantemento da súa rede viaria municipal. A través dun investimento de 100.000 euros con cargo a fondos propios, o departamento de Obras está a realizar labores de bacheo en diversas estradas locais, atendendo ás zonas máis deterioradas e garantindo a seguridade do tránsito rodado.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “nestes días estamos facendo unha serie de actuacións para tapar os baches nas vías que presentan un estado máis precario. Sabemos que hai moitas estradas que precisan aglomerado, pero é imposible chegar a todas ao mesmo tempo. Por iso, priorizamos as máis urxentes con intervencións inmediatas”.
O rexedor sinalou que se trata dunha actuación planificada e progresiva: “quedan dúas parroquias por cubrir con estas medidas de emerxencia, pero en breve continuaremos co aglomerado noutras zonas que o requiren. Estamos falando dunha planificación responsable e dun esforzo con medios e persoal propios”.
A iniciativa busca responder ás demandas veciñais e minimizar o impacto do desgaste diario nas vías municipais. Vega apuntou que “o obxectivo é claro: mellorar a mobilidade e a seguridade, actuando de maneira eficaz e realista. Non podemos chegar a todos os sitios ao tempo, pero estamos comprometidos en seguir avanzando”.