Ribadeo recupera os “Pasos de Sabiduría” con tardes de baile para combater a soidade

O vindeiro domingo, 5 de outubro, dará comezo en Ribadeo unha nova edición de Pasos de Sabiduría, a iniciativa organizada pola Concellería de Benestar Social que busca encher de música e compañía as tardes dominicais no Centro Social. As sesións de baile celebraranse cada domingo, ofrecendo un espazo de encontro pensado para fomentar a convivencia e o benestar.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, destacou que “Pasos de Sabiduría volverá estar con nós desde este domingo, enchendo as tardes de baile e bo ambiente”. Subliñou que o obxectivo vai máis aló do ocio, xa que programas como este ou Preto de Ti pretenden evitar a soidade non desexada que afecta a moitas persoas durante os meses de inverno, cando as relacións sociais se reducen e se poden resentir tanto o ánimo como a saúde física.
“Por todo iso, esperamos contar unha vez máis con todos vós nestas tardes de domingo cheas de ritmo e bo baile”, engadiu Sierra, quen animou á veciñanza a participar activamente nunha proposta que xa conta cunha ampla tradición no municipio.