Ribadeo recoñece o talento no II Certame de Fotografía Igualdade “Mulleres que Inspiran”

AMariñaXa
O Salón dos Alcaldes acolle a entrega de premios dunha edición que reuniu 17 imaxes centradas na igualdade e no papel das mulleres
Ribadeo-entrega-premios-Igualdade-2026
6 Apr 2026

O Salón dos Alcaldes do Concello de Ribadeo foi escenario da entrega de premios do II Certame de Fotografía Igualdade “Mulleres que Inspiran”, unha iniciativa impulsada polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) que busca visibilizar, a través da arte, o papel das mulleres na sociedade e fomentar valores de igualdade.

Durante o acto déronse a coñecer as obras gañadoras nas diferentes categorías. Na categoría A resultou premiada a fotografía A igualdade tamén se adestra, de Ainara Vega Monteserín, mentres que na categoría B o recoñecemento foi para Matriarca, de Carolina Bouso Díaz. Pola súa banda, na categoría C o premio recaeu en A miña guerreira, de Pablo Martínez Janeiro, alumno do Colexio Sagrado Corazón de Jesús.

O xurado encargado de avaliar os traballos estivo composto por Elisa Vecino Fernández, Cris Andina Barcia e Patricia Pérez López, quen tiveron que escoller entre un total de 17 imaxes presentadas a esta edición. Segundo destacaron, o nivel das propostas foi notable, tanto pola súa calidade técnica como pola capacidade de transmitir mensaxes vinculadas á igualdade e ao recoñecemento do papel feminino.

Dende o Concello de Ribadeo e o CIM quixeron agradecer a implicación das persoas participantes, así como felicitar ás premiadas e premiados polo seu traballo. Ademais, avanzaron que nos próximos días se dará a coñecer o espazo no que se poderá visitar a exposición coas obras presentadas, co obxectivo de achegar esta iniciativa ao conxunto da veciñanza.

Con este certame, Ribadeo continúa apostando por accións que combinan cultura e sensibilización social, utilizando a fotografía como ferramenta para promover a reflexión e a igualdade real entre mulleres e homes.

0.12288689613342