Ribadeo reclama á Xunta melloras na estrada da Costa e apoio para os seus eventos turísticos

AMariñaXa
O alcalde Dani Vega destaca os avances para a nova oficina de turismo na Casa Maseda e pide investimentos para xestionar un turismo sostible e de calidade
261021-Foto-Concello-Ribadeo
21 May 2025

O Concello de Ribadeo solicitoulle recentemente a Turismo de Galicia colaboración para afrontar diferentes cuestións clave para o municipio. Entre elas, destaca a rehabilitación da estrada da Costa, a variante de Rinlo, e o apoio económico aos múltiples eventos culturais e turísticos que se desenvolven ao longo do ano.

O alcalde, Dani Vega, mantivo unha reunión coa Dirección Xeral de Turismo na que puxo sobre a mesa a necesidade urxente de actuar sobre a estrada costeira, sinalando o seu deterioro e o impacto que isto ten tanto na mobilidade como na calidade de vida da veciñanza. En concreto, referiuse á zona de Rinlo, onde a falta de aparcadoiros e a circulación desordenada provocan molestias constantes.

“Temos que poñer solucións reais e investir nun turismo ordenado, que respecte o entorno e mellore a experiencia tanto de visitantes como de residentes”, subliñou o rexedor, quen tamén informou que a Xunta está a estudar unha achega de 360.000 euros para avanzar neste proxecto.

Ademais, o goberno local pediu apoio para o desenvolvemento de festivais, feiras e celebracións como o Ribadeo Indiano, que contribúen a dinamizar o municipio durante todo o ano. “Ribadeo non é só un destino de verán, ten vida os doce meses do ano, e iso require investimento continuo”, afirmou Vega.

Outro punto destacado foi o avance cara á apertura da oficina de turismo de Galicia na antiga Casa Maseda, que tamén funcionará como punto de atención ao peregrino. Segundo o alcalde, xa se levaron a cabo os trámites de expropiación e resposta ás alegacións, e agora solicítase a urxente ocupación do inmoble.

Vega agradeceu o recoñecemento da Xunta ao crecemento do turismo en Ribadeo nos últimos dous anos, facendo fincapé en que este modelo de turismo ordenado é froito do traballo conxunto de diferentes gobernos municipais ao longo do tempo. “Temos que seguir a traballar coordinadamente, tamén na xestión da praia das Catedrais, que é xa un símbolo turístico de Galicia”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.10512781143188